- Covadonga Toca interveu hoxe na Xornada de intelixencia artificial para a construción, organizada polo clúster do sector en Galicia que, segundo dixo, é unha industria que representa o 5,7 % do PIB autonómico, confórmana case 12.730 empresas e dá emprego a máis de 133.000 persoas traballadoras
- Apunta que desde este mesmo luns e ata o vindeiro 14 de abril estará aberta no portal de transparencia unha consulta pública aos interesados en participar na redacción do anteproxecto do plan director do sector
Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2025
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, destacou hoxe que a intelixencia artificial abre un campo de oportunidades para a industrialización do sector da construción.
Covadonga Toca interveu hoxe na Xornada de intelixencia artificial para a construción, organizada polo clúster do sector en Galicia que, segundo dixo, é unha industria que representa o 5,7 % do PIB autonómico, confórmana case 12.730 empresas e dá emprego a máis de 133.000 persoas traballadoras.
A directora do Igape apuntou que o pasado 17 de febreiro a Xunta declarou a construción sector estratéxico. É un dos nove -xunto coa automoción, o naval, as TIC, o sector metalmecánico, o forestal-madeira, a loxística, a alimentación e o téxtil- aos que se lles outorgou esta condición polo seu peso na economía galega e con vistas a que cada un deles dispoña do seu respectivo plan director. De feito, estes nove sectores industriais representan máis do 85% do emprego industrial total de Galicia.
Segundo indicou, desde este mesmo luns e ata o vindeiro 14 de abril, estará aberta no portal de transparencia unha consulta pública aos interesados en participar na redacción do anteproxecto deste plan, para o cal a colaboración do Clúster da Construción, dixo, vai ser clave á hora de dar resposta a retos como a industrialización do sector e o uso de ferramentas dixitais.
Covadonga Toca lembrou que o emprego da intelixencia artificial por parte dos sectores produtivos é imparabable. E, neste contexto, remarcou que este ano, por primeira vez, a Xunta, a través do Igape, convocou en xaneiro un paquete de apoios por importe de 10,3 M€ para fomentar o uso desta tecnoloxía nas empresas, con subvencións que oscilan entre o millón de euros e os 60.000 euros.