- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa na presentación oficial do proxecto Digital Cologistics Factoría de innovación de retos loxísticos, iniciativa que ten por obxectivo dixitalizar e facer máis sustentable o sistema loxístico da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal
- Destaca que entre os retos formulados figuran a xestión remota de enchufes en terminais de contedores, a creación de xemelgos dixitais para maquinaria portuaria, a automatización do control de temperatura en envíos sensibles ou a aplicación de IA á loxística farmacéutica
- Lembra que o Igape ten convocadas axudas por valor de máis de 172 millóns de euros destinadas a financiamento de empresas, mellora da competitividade, transformación tecnolóxica, atracción de novos investimentos e dixitalización e sustentabilidade
Vigo, 27 de marzo de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na presentación oficial do proxecto ‘Digital Cologistics Factoría de innovación de retos loxísticos’, onde puxo en valor esta iniciativa como unha aposta pola loxística innovadora que busca transformar retos empresariais en solucións reais. “Este proxecto exemplifica á perfección a Galicia que queremos construír: unha Galicia conectada, colaborativa, cunha loxística intelixente e un ecosistema innovador cada vez máis forte”, afirmou.
Neste sentido, a Factoría de Innovación de Retos Loxísticos intégrase no proxecto europeo Digital Cologistics, co obxectivo de dixitalizar e facer máis sustentable o sistema loxístico da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. A iniciativa, explicou Toca Carús, ofrece un espazo único para que empresas tractoras presenten desafíos reais nos seus procesos e que poidan ser resoltos mediante proxectos innovadores.
Entre os retos formulados destacan a xestión remota de enchufes en terminais de contedores, a creación de xemelgos dixitais para maquinaria portuaria, a automatización do control de temperatura en envíos sensibles, a aplicación de IA á loxística farmacéutica ou o cálculo automatizado da pegada de carbono en operacións Ro-Ro. A factoría apoiará 15 proxectos seleccionados, aos que ofrecerá mentorización, formación, espazos colaborativos e oportunidades de financiamento.
Apoios da Xunta
No marco da presentación, Covadonga Toca lembrou que, nos dous primeiros meses de 2025, o Igape convocou axudas por valor de máis de 172 millóns de euros destinadas a financiamento de empresas, mellora da competitividade, transformación tecnolóxica, atracción de novos investimentos e dixitalización e sustentabilidade.
Ademais, lembrou Toca Carús, a Xunta está a elaborar, en colaboración co Clúster da Función Loxística, o Plan Director da Loxística de Galicia, que servirá como folla de ruta para consolidar un modelo loxístico eficiente, verde, dixital e preparado para os desafíos do comercio global.
A directora do Igape concluíu a súa intervención destacando a importancia da loxística como motor da internacionalización e puxo como exemplo os máis de 31.000 millóns de euros exportados por Galicia en 2024, unha “cifra récord que só é posible grazas a unha infraestrutura loxística moderna, eficaz e profesional”.