- Agradece a colaboración do Clúster TIC na elaboración deste plan, que destina 62 millóns de euros en axudas ata 2028 e recolle 77 medidas de impulso a esta industria
- Precisa que o obxectivo é traballar para que a industria TIC mellore a empresa non tecnolóxica en Galicia e facilite a prestación dos servizos públicos
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, cualificou hoxe de esencial o papel que desenvolve a industria das TIC para o crecemento e a competitividade da empresa en Galicia e na modernización dos servizos que prestan as administracións públicas.
Lorenzana, acompañada polo secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, participou hoxe na presentación do Plan director da industria das TIC 2026-2028, que destina 62 millóns de euros en axudas ata 2028 e recolle 77 medidas de impulso ao sector.
A conselleira resaltou a tendencia ascendente que vén marcando en todos os seus indicadores nos últimos anos, cun crecemento do 21 por cento desde 2020. Actualmente hai 23.467 persoas afiliadas traballando nas máis de 3.100 empresas que se dedican a este sector en Galicia, que son 4.000 ocupados máis (un 20 por cento máis) que hai seis anos.
O obxectivo, dixo, é facer crecer, conseguir empresas de maiores dimensións para que a industria TIC mellore a empresa non tecnolóxica en Galicia. Tamén incentivar proxectos de colaboración de I+D+i en tecnoloxías cuánticas e intelixencia artificial. E elaborar unha estratexia do dato no sector público autonómico para seguir optimizando a xestión dos recursos e mellorando a atención e os servizos ao cidadán.
“Non pretendemos facer estratexias a longos anos nin documentos especialmente complexos que caian nun caixón -dixo-, o que pretendemos é facer guías para a colaboración público-privada e o acompañamento que a Administración vai ter de cada sector, a dous tres anos”, abondou. Nesta liña, quixo agradecer a colaboración do Clúster TIC na elaboración deste plan director, algo que considerou clave para que estes documentos sexan verdadeiramente instrumentos efectivos, dixo.
Lorenzana concluíu asegurando que as redes TIC, que sosteñen a conectividade dixital, son actualmente unha infraestrutura crítica e que investir en tecnoloxías da información e da comunicación debe ser considerado como investir en soberanía industrial.