A Xunta presenta por primeira vez na Oficina Económica de Galicia en Madrid as startups da BFAero ante 18 fondos de investimento

Mércores, 01 Xullo 2026 18:50
  • “É fundamental que poidamos utilizar a nosa Oficia Económica como escaparate de todo o que se fai en Galicia para atraer ese investimento”, di Lorenzana
  • Destaca que no ámbito do aeroespazo, Galicia empezou un sistema de compra pública innovadora no que é pioneira en España, e que, xunto á BFAero, fixo que se consolide un ecosistema punteiro que nos vindeiros anos “pode darnos grandes alegrías”
  • Avanza que os grandes acordos marco da Estratexia de Seguridade, Defensa Aerospazo van priorizar, como novidade, a fabricación en Galicia

Madrid, 1 de xullo de 2026

A Xunta celebrou hoxe por primeira vez en Madrid, na sede da Oficina Económica de Galicia, un encontro no que diferentes startups participantes na sétima edición da aceleradora BFAero e noutras convocatorias anteriores -Kreios, Aguia e Vig-Sec Drone- presentaron os seus proxectos ante 18 fondos de capital risco atraídos polo potencial do ecosistema aeroespacial galego.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, acompañada da directora do Instituto Económico de Galicia (Igape) Covadonga Toca, foi a encargada de clausurar a xornada, segundo afirmou, dá a estas startups unha oportunidade de conectar con fondos de investimento, que é “crucial” porque “lles garante unha viabilidade financeira e acelera o seu crecemento no mercado”.

“Esta é unha das principais preocupacións que temos como Goberno: detectamos e acompañamos moitos proxectos innovadores, pero eses proxectos necesitan consolidarse no mercado e ir crecendo. E iso non podemos conseguilo só co Igape ou con Xesgalicia, necesitamos do investimento privado. Polo tanto, é fundamental que poidamos utilizar a nosa Oficia Económica como escaparate de todo o que se fai en Galicia para atraer ese investimento”, dixo.

Lorenzana precisou que “do labor que faga un Goberno depende en grande medida que se poida ir consolidando un sistema emprendedor innovador”. E, así, ademais do acompañamento financeiro, mencionou que, no ámbito do aeroespazo, Galicia empezou un sistema de compra pública innovadora no que é pioneira en España e que, xunto á BFAero, fixo que se consolide un ecosistema punteiro a nivel nacional e europeo que nos vindeiros anos “pode darnos grandes alegrías”, manifestou.

A conselleira salientou que a BFAero forma parte da Estratexia de Defensa, Seguridade e Aeroespazo, que pretende mobilizar máis de 900 millóns de euros de cara ao 2030. Inclúe, dixo, instrumentos de apoio como a liña de axudas para certificacións; para tecnoloxías duais -aberta ata o vindeiro 4 de setembro cun orzamento de 6 millóns de euros-; e os acordos marco de compra pública de innovación, que se van presentar agora cunha novidade “importantísima” porque o que se vai priorizar é “que eses consorcios traian o seu proxecto de innovación á comunidade e deixen ese valor engadido da industria e da fabricación en Galicia”, avanzou a conselleira.

Desde a súa posta en marcha en 2019, a BFAero leva apoiado 49 proxectos empresariais (galegos, doutros puntos de España e mesmo internacionais), dos cales 15 son empresas de nova creación que xeraron máis de 310 empregos cualificados, 28,6 millóns de euros en volume de negocio e que levan realizado investimentos por valor de 16 millóns de euros. Só os proxectos da 5ª e a 6ª edición teñen captado máis de 14 millóns de euros de financiamento público e privado, o que demostra a capacidade deste programa para transformar tecnoloxías estratéxicas en compañías con atractivo investidor.

  • A Xunta presenta por primeira vez na Oficina Económica de Galicia en Madrid as startups da BFAero ante 18 fondos de investimento
    Ler máis
  • Lorenzana sitúa o sector TIC como esencial para o crecemento e a competitividade da empresa en Galicia
    Ler máis
  • A Xunta aproba o Plan director da industria TIC co obxectivo de consolidar Galicia como referente europeo en dixitalización
    Ler máis