- “Os grandes investimentos non nacen o día no que se anuncian. Ese día fanse visibles, pero comezan moito antes”, din
- Asegura que Galicia leva anos creando as condicións que hoxe demandan as empresas e que non se busca atraer investimentos illados, senón construír unha carteira de proxectos capaces de transformar a economía galega
- “Cando unha empresa internacional decide desenvolver un proxecto, está emitindo un xuízo sobre ese territorio, está dicindo que atopou as condicións para confiar. E iso ten un enorme valor”, sostén
Vigo, 7 de xullo de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe que a Xunta está a desenvolver unha política industrial de anticipación para que Galicia estea preparada antes de que chegue a oportunidade. “O liderado industrial constrúese con anticipación, tamén con capacidade de resposta, e coa vontade de comprender como toman as empresas as súas decisións”, asegura.
Na súa intervención no Foro Santander: Visión empresarial, estratexia e futuro, Lorenzana destacou que “os grandes investimentos non nacen o día no que se anuncian. Ese día fanse visibles, pero comezan moito antes”, dixo. “Empezan cando un territorio prepara o solo empresarial que as empresas van necesitar; cando aposta polo talento antes de que apareza a demanda; cando reforza o seu sistema de innovación; cando planifica as súas infraestruturas; e cando incorpora a enerxía como un factor esencial da competitividade industrial”.
Segundo apuntou, Galicia leva anos creando as condicións que hoxe demandan as empresas. “Non buscamos atraer investimentos illados. Buscamos construír unha carteira de proxectos capaces de transformar a economía galega”, asegurou, para indicar que, actualmente, hai 17 proxectos industriais declarados como estratéxicos; coa Oficina Económica de Galicia, que dá unha resposta integrada durante todo o proceso de investimento.
Tamén sinalou que, se durante corenta anos Galicia desenvolveu algo máis de 11 millóns de metros cadrados de solo público, hoxe están en marcha actuacións que permitirán incorporar case 12 millóns máis ata 2030, cun investimento de máis de 440 millóns de euros. “Cando unha empresa está pechando onde vai medrar, cada metro cadrado de solo dispoñible significa que pode escoller Galicia e que, polo tanto, un proxecto pode arrancar antes e que un emprego que pode chegar antes”, afirmou.
Neste contexto, sinalou, ademais, que como “a capacidade para fabricar seguirá sendo decisiva, pero a capacidade para innovar marcará a diferenza”, a nova Estratexia Galega de Innovación mobilizará máis de 400 millóns de euros, reforzando a transferencia de coñecemento, a colaboración entre empresas e centros tecnolóxicos e a incorporación da innovación ao tecido produtivo.
“Cando unha empresa internacional decide desenvolver un proxecto, está emitindo un xuízo sobre ese territorio, está dicindo que atopou as condicións para confiar. E iso ten un enorme valor”, remarcou. “Ao final, un territorio preparado é aquel que combina industria, coñecemento e capacidade de execución. E ese é o modelo polo que Galicia quixo apostar”. “Eu estou convencida de que imos ser quen nos vindeiros anos de cambiar a nosa posición no mapa industrial europeo”, concluíu.