Lorenzana adianta que a Xunta aprobará este mesmo ano a primeira Estratexia de innovación empresarial de Galicia, que mobilizará máis de 400 M€

Venres, 10 Xullo 2026 17:38
  • Apunta que se busca vincular o ecosistema galego de innovación coa industria e que a I+G+i transforme realmente a empresa galega
  • Nace “absolutamente conectada” coa marca I+G+i e co triplo obxectivo de “facer que innovación impacte” para “que as empresas que xa están aquí poidan crecer e fortalecerse; as que están fóra poñan a vista nese territorio; e para que as que nacen en Galicia poidan converterse no futuro en grandes empresas”, di
  • Destaca a importancia de que as administracións saiban anticiparse, estar preparadas e “ser o motor económico dos avances que se van producindo”, porque iso é o que fai un territorio competitivo

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a Xunta aprobará este mesmo ano a que será a primeira Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia, que vai mobilizar 400 millóns de euros e busca “consolidar un modelo de crecemento para toda a economía galega”.

Lorenzana interveu hoxe no II Foro de Innovación e Emprendemento organizado pola APD, onde apuntou que esta estratexia busca vincular o ecosistema galego de innovación coa industria. “Que a I+G+i transforme realmente a empresa galega; que esa fórmula dea como resultado novos proxectos empresariais que permanezan no tempo e axuden a transformar a economía”.

Segundo dixo, nace “absolutamente conectada” coa marca I+G+i e co triplo obxectivo de “facer que innovación impacte” para “que as empresas que xa están aquí poidan crecer e fortalecerse; as que están fóra poñan a vista no noso territorio; e para que as que nacen en Galicia poidan converterse no futuro en grandes empresas”, abondou.

“Temos claro que a empresa en Galicia ten que gañar tamaño e necesita, polo tanto, de todas as ferramentas innovadoras posibles”, asegurou, e resaltou: “Necesitamos que incorporen a intelixencia artificial, tecnoloxías avanzadas, que a transferencia de coñecemento sexa cada vez máis rápida e que con iso as startups atopen aquí máis oportunidades de colaborar coa industria”.

Lorenzana puxo en valor os datos do Informe Empresas Tech Galicia 2026, que confirma que Galicia conta xa con 534 empresas tecnolóxicas e innovadoras, que xeran máis de 5.700 empregos cualificados e unha facturación próxima aos 550 millóns de euros. Nesta liña, agradeceu o traballo de toda a rede de aceleradoras que a Xunta ten en marca e das moitas entidades que colaboran co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) no seu desenvolvemento.

“O éxito dun ecosistema innovador non se mide unicamente polo número de startups que crea; mídese pola súa capacidade para transformar o conxunto da economía”, reiterou, para concluír destacando a importancia de que as administracións saiban anticiparse, estar preparadas e “ser o motor económico dos avances que se van producindo”, porque iso é o que fai un territorio competitivo.

  • Lorenzana adianta que a Xunta aprobará este mesmo ano a primeira Estratexia de innovación empresarial de Galicia, que mobilizará máis de 400 M€
    Ler máis
  • Lorenzana destaca o papel que debe facer a administración como aliada das empresas que queren investir en Galicia
    Ler máis
  • Rueda destaca a capacidade loxística e industrial de Galicia na chegada da multinacional SAIC
    Ler máis