- A directora do Igape, Covadonga Toca, e a directora xeral de Estratexia Industrial e solo Empresarial, Margarita Ardao, interviñeron hoxe no Encontro A Toxa 2026
O Grove (Pontevedra), 16 de xullo de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe que Galicia afronta a nova economía "desde unha posición de fortaleza", apoiándose nunha base industrial sólida, nun ecosistema empresarial cada vez máis innovador e internacionalizado e nunha contorna estable que favorece a atracción de investimentos. Así o expuxo durante a súa participación na mesa Galicia na nova economía: industria, innovación e atracción de investimentos, celebrada no marco de ‘O Encontro da Toxa 2026’.
Durante a súa intervención, Toca Carús subliñou que o actual contexto internacional, marcado pola reindustrialización de Europa, a transformación tecnolóxica e a transición enerxética, representa tamén unha oportunidade para Galicia. Neste sentido, puxo en valor a evolución da economía galega, cunha industria máis competitiva, unhas exportacións en máximos históricos e un ecosistema innovador en continuo crecemento, factores que reforzan o atractivo da comunidade para captar novos proxectos empresariais.
A directora do Igape destacou tamén que a confianza das empresas depende cada vez máis da estabilidade institucional, da seguridade xurídica e dun acompañamento eficaz por parte da Administración. Neste ámbito, salientou o papel da Oficina Económica de Galicia como ferramenta para facilitar a implantación e o desenvolvemento de investimentos estratéxicos.
Durante o coloquio, Toca Carús avanzou que o Goberno galego traballa na Estratexia de Innovación Empresarial de Galicia 2026-2028 para estender a innovación a un maior número de empresas, ao tempo que seguirá impulsando a apertura a novos mercados, facilitando instrumentos financeiros adaptados ás distintas necesidades empresariais e ofrecendo unha Administración próxima, áxil e coordinada durante todas as fases dos proxectos empresariais.
Neste contexto, sinalou as oportunidades que se abren para Galicia en ámbitos como a industria da defensa, a descarbonización, a fabricación avanzada ou a intelixencia artificial, e lembrou os instrumentos impulsados pola Xunta para favorecer o crecemento empresarial e facilitar os procesos de relevo xeracional e concentración empresarial.
Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aerospazo (Iesda)
Na xornada tamén interveu a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, na mesa redonda sobre Oportunidades no ámbito da defensa, onde lembrou que esta mesma semana se presentaron no Consello da Xunta os acordos de asociación, unha das principais medidas da Iniciativa Estratéxica de Seguridade, Defensa e Aerospazo (Iesda).
Cun investimento por parte da Administración autonómica de 40 millóns de euros, e mediante a Compra Pública Precomercial, o que se busca é atraer grandes proxectos industriais para desenvolver e fabricar en Galicia novas solucións tecnolóxicas e incorporar, así, máis empresas a estes sectores.
Ardao lembrou, tamén, que esta estratexia recolle outras medidas de apoio como as axudas para tecnoloxías duais (de uso civil e militar), con 6 millóns de euros de orzamento; e para a certificación de empresas que queiran acreditarse como subministradoras para o sector da defensa (1,5 millóns de euros), que recibiu máis de medio cento de solicitudes de compañías do naval, metalmecánico, aeroespacial, industria das TIC, transporte, automoción ou construción.