Galicia mantén en 2026 a tendencia positiva das súas exportacións, cun incremento interanual do 0,9 % ata xullo

Xoves, 01 Outubro 2026 21:16
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, destaca en Madrid que Galicia pechou 2025 superando por terceiro ano consecutivo os 30.000 M€ en exportacións
  • Salienta o acompañamento ás empresas en todo o proceso de internacionalización, con apoios para acceder a novos mercados, Antenas no exterior, aceleración e formación de talento
  • Incide na importancia de combinar a consolidación nos principais destinos europeos coa apertura de novas oportunidades en América, Asia, o norte de África e Oriente Medio

Madrid, 1 de outubro de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe en Madrid a evolución positiva das exportacións galegas, que entre xaneiro e xullo de 2026 alcanzaron os 18.409,8 millóns de euros, cun incremento interanual do 0,9 %, mantendo así rexistros superiores aos do mesmo período do ano anterior.

Toca Carús participou no encontro Internacionalización e competitividade empresarial, celebrado na Casa de Galicia en Madrid, onde puxo en valor a fortaleza da base exportadora galega e a súa diversificación sectorial. Neste contexto, lembrou que Galicia pechou 2025 cunhas exportacións de 30.938,9 millóns de euros, superando por terceiro ano consecutivo os 30.000 millóns, e con 2.839 empresas exportadoras regulares.

A directora do Igape sinalou que o obxectivo é seguir ampliando a base de empresas exportadoras e favorecer unha presenza máis estable nos mercados internacionais, acompañándoas desde o diagnóstico inicial ata o acceso e consolidación en novos destinos.

Apoio adaptado a cada empresa

Toca Carús destacou o papel da Oficina Económica de Galicia como porta de entrada para orientar as empresas e conectalas cos recursos máis adecuados. Entre eles, programas como Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios ou Foexga, que apoian accións de promoción exterior, prospección de mercados, participación en feiras e misións empresariais.

A este acompañamento súmase a rede de Antenas do Igape, que ofrece apoio directo ás empresas nos mercados de destino. Actualmente está presente en Estados Unidos, México, Marrocos, Xapón, China e Emiratos Árabes Unidos, coa previsión de ampliarse a Brasil e Arxentina.

Toca Carús puxo tamén en valor Galicia Avanza, a aceleradora de internacionalización pola que xa pasaron 111 empresas nas súas catro edicións, e o programa de bolseiros do Igape, que permitiu formar máis de 400 profesionais con experiencia en máis de 70 países.

Finalmente, incidiu na importancia de combinar a consolidación nos principais mercados europeos —a UE concentrou o 70,3 % das exportacións galegas en 2025— coa apertura de novas oportunidades en América, Asia, o norte de África e Oriente Medio.

  • Rueda destaca o apoio da Xunta ao tecido produtivo garantindo un marco de estabilidade e medidas para mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Galicia mantén en 2026 a tendencia positiva das súas exportacións, cun incremento interanual do 0,9 % ata xullo
    Ler máis
  • A Xunta destaca o potencial do comercio electrónico para impulsar a competitividade e abrir novos mercados
    Ler máis