A Xunta e o concello de Beariz avalían novas vías de colaboración para impulsar a actividade empresarial no municipio

Martes, 21 Marzo 2023 10:09
  • O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde do municipio ourensán, Manuel Prado.
  • Na xuntanza abordáronse diferentes medidas para potenciar o solo empresarial e atraer novas iniciativas cara á localidade.
  • Beariz conta co distintivo de Concello Emprendedor, sumándose así ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial.

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde de Beariz, Manuel Prado, no que avaliaron novas vías de colaboración para impulsar a actividade empresarial no municipio.

Na xuntanza abordáronse, entre outras cuestións, a adecuación dos accesos ao Parque Empresarial de Lebozán desde a OU-212, unha actuación que rematará nos próximos meses e á que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinou 450.000 euros. Ademais, o Concello solicitou unha axuda da Secretaría Xeral de Industria, que está nestes momentos en fase de estudo e valoración, para obras de pavimentación dun viario.

Beariz conta co distintivo de Concello Emprendedor, sumándose así ao obxectivo da Xunta de poñer facilidades ao investimento empresarial para impulsar a reactivación económica e, polo tanto, ofrecer máis axilidade na tramitación administrativa, no acceso ao solo industrial e maiores incentivos fiscais.

O Goberno galego está a dar prioridade aos concellos adheridos a esta iniciativa impulsada en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) a través de diversas liñas de axudas destinadas a impulsar a dinamización económica.

  • Lorenzana aposta pola innovación para crear un ecosistema industrial atractivo que permita captar novas empresas e atraer talento
    Ler máis
  • Lorenzana felicita a VIG-Sec Drone por ser unha das 15 empresas seleccionadas a nivel mundial para formar parte dunha aceleradora impulsada pola OTAN
    Ler máis
  • Lorenzana convida a Thune Eureka a sumarse á iniciativa estratéxica de seguridade, defensa e aeroespazo
    Ler máis