- A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou o Parque de Innovación de Buenos Aires, un espazo de referencia para o desenvolvemento científico, tecnolóxico e emprendedor
- A visita deu paso a un encontro institucional para explorar novas oportunidades de colaboración entre Galicia e Arxentina, un dos mercados prioritarios da nova Estratexia de internacionalización das empresas galegas
- A axenda incluíu tamén a presentación de Mindtech 2027, a feira internacional de industria e tecnoloxía que se celebrará en Vigo o vindeiro mes de abril, como oportunidade para impulsar os contactos e as alianzas entre empresas galegas e arxentinas
Bos Aires (Arxentina), 24 de novembro de 2026
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca Carús, visitou o Parque de Innovación da Cidade Autónoma de Bos Aires, no marco da viaxe institucional que está a realizar a Arxentina e Uruguai. Durante a visita, coñeceu este espazo de referencia en ciencia, tecnoloxía e emprendemento, que promove a conexión entre empresas, universidades e centros de investigación para favorecer o desenvolvemento de novos proxectos innovadores.
Posteriormente, a directora mantivo nas instalacións do parque unha reunión institucional con Hernán Lombardi, ministro de Desenvolvemento Económico da Cidade de Bos Aires, na que se abordaron novas oportunidades para reforzar a colaboración entre Galicia e Arxentina, especialmente nos ámbitos da innovación, o emprendemento e o desenvolvemento de proxectos empresariais e tecnolóxicos.
A axenda continuou coa participación no encontro Networking Internacional: Conectando Industrias Globales, organizado pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), no que se presentaron as oportunidades que ofrecerá Mindtech 2027, a feira internacional de industria e tecnoloxía que se celebrará en Vigo o vindeiro mes de abril. A xornada serviu para favorecer os contactos entre empresas galegas e arxentinas e explorar novas posibilidades de cooperación industrial.
Neste contexto, Covadonga Toca destacou os vínculos históricos, culturais e económicos que unen Galicia e Arxentina, así como as oportunidades que abre o novo escenario de relacións entre a Unión Europea e Mercosur para favorecer os intercambios comerciais, os investimentos e as alianzas empresariais. Un ámbito no que incide a nova Estratexia de internacionalización das empresas galegas – horizonte 2028, recentemente aprobada pola Xunta e dotada con 160 millóns de euros, que prevé, entre outras actuacións, a apertura de novas antenas empresariais do Igape en Arxentina e Brasil para reforzar a presenza das empresas galegas nestes mercados e acompañalas na busca de novas oportunidades de negocio.