- A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou en Montevideo o encontro Galtech 2026, no que puxo en valor o potencial industrial e tecnolóxico de Galicia e as oportunidades de colaboración entre ambos os territorios
- Destaca as oportunidades que abre o achegamento comercial entre a Unión Europea e Mercosur e o papel das novas estratexias de innovación empresarial e internacionalización da Xunta para aproveitalas
- A axenda institucional incluíu tamén encontros coa Cámara Uruguaia de Tecnoloxías da Información e coa axencia Uruguay XXI para avanzar en acordos de colaboración, así como unha reunión co ministro de Gandería, Agricultura e Pesca
Montevideo (Uruguai), 26 de novembro de 2026
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, inaugurou hoxe, no marco da súa viaxe institucional a Arxentina e Uruguai, o encontro Galtech 2026: tecnoloxía, empresas, conexións, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos de Uruguai (AEGU). A responsable do Igape, que participou posteriormente nunha mesa redonda, destacou o valor desta iniciativa para fortalecer os vínculos económicos entre ambos os territorios e favorecer novas alianzas empresariais.
Durante a súa intervención, Toca puxo en valor a capacidade industrial de Galicia, con empresas referentes a nivel internacional e un ecosistema tecnolóxico en crecemento, así como o papel da Marca Galicia e de Galicia Calidade para proxectar nos mercados internacionais os valores de calidade, confianza, talento e innovación do tecido empresarial galego. Salientou, ademais, o labor das asociacións de empresarios galegos no exterior como aliadas para conectar empresas e identificar novas oportunidades de negocio.
A directora do Igape incidiu nas oportunidades que abre o achegamento comercial entre a Unión Europea e Mercosur, destacando o potencial de Uruguai como socio estratéxico para reforzar a presenza das empresas galegas na rexión e de Galicia como porta de entrada ao mercado europeo. Neste contexto, fixo referencia ás novas estratexias de innovación empresarial e internacionalización da Xunta, presentadas recentemente, á ampliación prevista da rede de antenas empresariais con novas oficinas en Brasil e Arxentina e ao acompañamento que ofrece a Oficina Económica de Galicia a empresas e investidores.
Cooperación institucional
Tras a súa participación en Galtech 2026, a directora do Igape mantivo encontros coa Cámara Uruguaia de Tecnoloxías da Información (CUTI), que agrupa máis de 390 empresas do sector tecnolóxico, e con Uruguay XXI, a axencia oficial de promoción de investimentos e exportacións do país. Ambas as reunións teñen como obxectivo avanzar na sinatura de sendos memorandos de entendemento que permitan establecer un marco estable de colaboración, facilitar o intercambio de información e promover novas oportunidades de negocio, investimento e cooperación empresarial entre Galicia e Uruguai.
A axenda incluíu tamén unha reunión co ministro de Gandería, Agricultura e Pesca de Uruguai, Alfredo Fratti, na que participaron representantes do Igape e do grupo biotecnolóxico galego Zendal, no marco dos contactos institucionais e empresariais que se están a desenvolver durante esta viaxe.