Lorenzana destaca o peso do sector téxtil e o metalmecánico nas exportacións de Galicia a Paraguai

Luns, 03 Febreiro 2025 17:28
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo esta tarde senllos encontros coa Asociación de Empresarios Galegos en Paraguai e co director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Manuel Galdo
  • Subliña que a industria metalmecánica aumentou máis de catro veces o seu volume de exportacións nos dous últimos anos
  • Resalta que o pasado ano 62 empresa galegas exportaron a Paraguai, un 29,2% máis en relación a 2023
  • Confía en que o acordo comercial entre Mercosur e a Unión Europea contribúa a reforzar os lazos económicos entre Galicia e Paraguai, así como o labor que fai a propia Asociación de Empresarios Galegos no país á hora de acompañar e abrir portas ás empresas con intereses comerciais alí
  • Salienta que o papel das Cámaras de Comercio é fundamental para o desenvolvemento do Plan Foexga que, este ano, contará cun orzamento de 2,4 M€ e que leva permitido a pemes e grandes empresas galegas chegar a máis de 70 países

 

A Coruña, 31 de xaneiro de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salientou hoxe o peso que o sector téxtil e o metalmecánico teñen nas exportacións de Galicia a Paraguai, cara a onde tamén se incrementou o número de empresas galegas que venden os seus produtos nese país.

Lorenzana mantivo esta tarde un encontro coa Asociación de Empresarios Galegos en Paraguai, onde puxo de manifesto que as exportacións do sector téxtil, o máis relevante nas relacións comerciais entre Galicia e o país suramericano, acadaron o pasado ano 1,7 millóns de euros o cal responde, dixo, “a unha tendencia consolidada e non a un fenómeno puntual”.

Na mesma liña, destacou o crecemento que rexistrou en 2024 a industria metalmecánica que, a partir de 2023, aumentou máis de catro veces o seu volume de exportacións a Paraguai, coincidindo cos bos datos de vendas que rexistrou o sector en Galicia, que se incrementaron un 16%. Concretamente, en 2023 o que exportou a este país creceu un 433% respecto ao ano anterior hasta 1,3 millóns de euros, a mesma cifra que acadou no acumulado de 2024. De feito, o cuarto produto que Paraguai máis importa desde Galicia son os compoñentes para automoción.

Con respecto ás empresas galegas que exportan ao país, a conselleira puxo de manifesto que o pasado ano foron un total de 62, un 29,2% máis en relación a 2023 e das cales un 11,3 % xa o fan de forma regular.

Lorenzana tamén amosou a súa confianza en que o acordo comercial entre Mercosur e a Unión Europea contribúa a reforzar os lazos económicos entre ambas as dúas economías, así como o labor que fai a propia Asociación de Empresarios Galegos en Paraguai á hora de acompañar e abrir portas ás empresas galegas con intereses comerciais no país.

En particular, referiuse ao sector agroalimentario, a construción, as enerxías renovables, a saúde ou as TIC como principais áreas de negocio onde poder afondar.

Reunión coa Cámara de Comercio da Coruña

Esta tarde, e tamén para avaliar a acción económica da Xunta no exterior, Lorenzana mantivo unha reunión co director xeral da Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación da Coruña, Manuel Galdo, con quen abordou as liñas de colaboración que vén mantendo a entidade coa Administración autonómica en materia de internacionalización.

Concretamente, o papel das Cámaras de Comercio é fundamental, lembrou, para o desenvolvemento do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga) que, este ano, contará cun orzamento de 2,4 millóns de euros e que leva permitido ás pemes e grandes empresas galegas chegar a máis de 70 países.

Lorenzana avanzou que, ao longo do mes de marzo a Xunta convocará as axudas de impulso á internacionalización, entre as que se atopa o dito plan e programas como Galicia Exporta Empresas, Galicia Exporta Organismos Intermedios e Galicia Exporta Dixital, que contará cunha dotación conxunta de 9,7 M€ para facilitar a expansión de pemes en mercados exteriores e apoiar as accións de promoción das asociacións empresariais galegas.

  • A Xunta aposta pola loxística innovadora cunha factoría que busca transformar retos empresariais en solucións reais
    Ler máis
  • A Xunta reforza os vínculos comerciais con EE.UU. coa vista posta na apertura de novas oportunidades de negocio para o tecido empresarial galego
    Ler máis
  • Rueda reafirma o compromiso da Xunta coa simplificación administrativa para fortalecer o desenvolvemento empresarial
    Ler máis