- A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, xunto co titular de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participou hoxe nunha xornada sobre o Fondo de Transición Xusta
- En total suman 16,2 M€ e financiarán a implantación de plantas de fabricación de compoñentes e almacenamento enerxético, o uso do hidróxeno renovable, a produción de biogás ou biometano e o desenvolvemento de tecnoloxías renovables mariñas
- Lorenzana apunta que a Galicia lle corresponden para o período 2021-2027 máis de 100 M€ deste fondo, que se xestionan desde o Igape (71,5 M€) ou o Inega (28,8 M€) para diferentes actuacións na provincia da Coruña, Zona de Transición Xusta
- O conselleiro de Facenda e Administración Pública pon en valor a xestión exemplar que está facendo Galicia dos recursos que achega o MRR, con máis de 45.000 persoas físicas, case 8.200 autónomos e máis de 5.200 entidades e sociedades beneficiadas ata o momento
A Coruña, 5 de febreiro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia vai convocar este ano tres novas liñas de axuda para descarbonización industrial e enerxías renovables que suman 16,2 M€ con cargo ao Fondo de Transición Xusta.
Nunha xornada empresarial sobre instrumentos financeiros que clausurou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, Lorenzana avanzou que a Galicia lle corresponden para o período 2021-2027 máis de 100 M€ deste fondo, que se xestionan desde o Igape (71,5 M€) ou o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) (28,8 M€) para diferentes actuacións na provincia da Coruña, Zona de Transición Xusta.
En concreto, apuntou que unha das novas liñas, que se vai convocar previsiblemente no primeiro trimestre deste ano, será para financiar proxectos relacionados coa implantación ou adaptación de plantas de fabricación de compoñentes de enerxías renovables e almacenamento enerxético, cun orzamento de 3,8 M€.
O segundo programa de axudas subvencionará proxectos de aplicación e uso de hidróxeno renovable e tamén de valorización enerxética de residuos orgánicos para a produción de biogás ou biometano non destinado ao autoconsumo. Estará dotada cun orzamento de 7,6 M€ e tamén se estima que saia publicada no primeiro trimestre de 2025.
Por outra banda, a terceira das liñas será para proxectos de tecnoloxías relacionadas coas enerxías renovables mariñas e o almacenamento enerxético a desenvolver na zona experimental de Punta Langosteira (A Coruña), cun orzamento de 4,8 M€ e a previsión de que sexa convocada no terceiro trimestre do ano.
Xunto con isto, Lorenzana lembrou que acaba de saír convocada a liña de préstamos reembolsables do Igape para grandes empresas, por valor de 37 M€; e a do Inega para proxectos de redución de emisións e eficiencia enerxética en empresas do sector industrial (12,5 M€). Ambas as dúas, do Fondo de Transición Xusta para a provincia da Coruña, que se suman ás de creación de centros dixitais para soporte tecnolóxico ás pemes (8 M€).
“Cremos que non é tanto falar de transición xusta ou non, senón de facer as cousas con sentido común, de xeito equilibrado e flexible”, dixo a conselleira, para lembrar que a clave está en que os territorio declarados Zonas de Transición Xusta “sufran o menos posible”, desde o punto de vista socioeconómico e laboral e “saian reforzados” de todo este proceso.
Nese sentido, animou ás empresas da provincia da Coruña a que concorran a estas convocatorias de axudas encamiñadas a promover a reindustrialización e a dinamización económica de toda a contorna das Pontes e Meirama e a mitigar o impacto que comporta o peche das respectivas centrais térmicas.
Exemplar execución dos fondos comunitarios
Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, lembrou que, en materia de fondos, Galicia ten demostrado sobradamente o seu exemplar comportamento na execución dos recursos comunitarios, que teñen contribuído de maneira notable no desenvolvemento económico e social da Comunidade.
Neste sentido, referiuse ao Programa Galicia FEDER 2021-2027, que constitúe unha firme aposta polo apoio ao tecido empresarial galego, en particular no contexto da innovación, a dixitalización, a internacionalización e a transicións enerxética. Ademais de destacar a importancia para a provincia da Coruña do Fondo de Transición Xusta que busca a diversificación económica dos territorios máis afectados pola transición climática.
Miguel Corgos puxo tamén en valor a xestión da Comunidade dos recursos que achega o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR); unha execución que ten o seu impacto na economía real, con máis de 45.000 persoas físicas, case 8.200 autónomos e máis de 5.200 entidades e sociedades beneficiadas ata o momento.
“O obxectivo final ten que ser que os recursos do mecanismo cheguen á cidadanía e ás empresas de maneira áxil”, aseverou, incidindo en que, desde a Administración autonómica, xa se ten demandado ao Goberno central algúns cambios para mellorar a xestión, cun sistema de cooperación e cogobernanza, para apoiar con maior axilidade e eficiencia ás empresas galegas.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública concluíu a súa intervención asegurando que a Xunta seguirá a traballar para que as empresas poidan dispoñer de instrumentos financeiros flexibles e áxiles, que se adapten ás necesidades de cada momento.