A Xunta pon en valor o papel das startups cooperativas como modelo de futuro para Galicia

Martes, 25 Marzo 2025 17:07
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa no evento "Diálogos Inspiradores: Tecnoloxía, Innovación e Economía Social" onde destaca os instrumentos públicos que impulsan o emprendemento tecnolóxico con impacto social, a través de financiamento, asesoramento e acompañamento integral
  • Lembra que o Instituto activou este ano máis de 172 millóns de euros en axudas destinadas á innovación, dixitalización e modernización do tecido produtivo galego, das que poden beneficiarse tamén cooperativas tecnolóxicas e entidades da economía social
  • Destaca o papel dos clústeres como ponte entre o coñecemento xerado nas universidades e a súa aplicación na industria

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago no foro “Diálogos Inspiradores”, un espazo de reflexión sobre o papel da tecnoloxía con impacto social no marco da economía social e cooperativa. No seu relatorio, puxo en valor o papel das startups cooperativas como modelo viable, innovador e con futuro para Galicia, e subliñou o compromiso da Xunta por reforzar o seu apoio desde todos os ámbitos institucionais.

“Queremos que os emprendedores coñezan que existen alternativas reais ao modelo empresarial tradicional, como é o cooperativismo, que combina viabilidade económica con propósito social”, asegurou. Neste sentido, destacou que, en 2025, o Igape activa máis de 172 millóns en axudas destinadas á innovación, dixitalización e modernización do tecido produtivo, das que poden beneficiarse tamén cooperativas tecnolóxicas e entidades da economía social.

A maiores, Toca Carús puxo o foco na Oficina Económica de Galicia, que definiu como “moito máis cunha fiestra única”. Así, detallou, este servizo, que ofrece unha nova forma de relacionarse co tecido empresarial, suma máis de 18.000 consultas atendidas desde a súa posta en marcha, ofrecendo acompañamento integral con máis de 100 profesionais especializados en financiamento, fiscalidade, emprendemento ou tramitación administrativa.

Durante a súa intervención, a directora do Igape defendeu que a cooperación público-privada é clave para construír unha economía tecnolóxica máis sostible, inclusiva e conectada co territorio. “Desde a Xunta traballamos man a man co sector privado para facer realidade proxectos que transformen a industria galega”, afirmou.

Neste sentido, destacou o papel dos clústeres empresariais como ponte entre o coñecemento xerado nas universidades e a súa aplicación na industria e salientou tamén o apoio aos clústeres emerxentes, en ámbitos como a saúde, a economía circular, as tecnoloxías mariñas ou a moda sustentable. “Estes espazos son especialmente útiles para as cooperativas, porque permiten achegar innovación e tecnoloxía a entidades que, pola súa dimensión, non sempre poden acceder a ela de forma individual”, explicou.

Aceleradoras, formación e modelo cooperativo

A directora do Igape lembrou que Galicia conta cunha rede de aceleradoras na que tamén se apoian proxectos cooperativos. Entre elas, destacou ViaGalicia, e salientou o modelo das Business Factories (BF), aceleradoras verticais por sectores (alimentación, automoción, aeronáutica, economía circular...), que se ampliarán en 2025 a novos ámbitos como a saúde, o deporte e as enerxías renovables.

Toca Carús concluíu sinalando que “a Galicia emprendedora que queremos é tamén unha Galicia cooperativa, verde, dixital e centrada nas persoas”: “Desde o Igape seguiremos acompañando, financiando e visibilizando proxectos que demostren que se pode innovar con propósito e compartir valor desde o primeiro día”.

  • A Xunta salienta o potencial do sector TIC galego e reafirma o compromiso coa innovación, a transformación dixital e o crecemento empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana apela a non deixarse contaminar pola corrente negacionista que quere derrocar a industria en Galicia
    Ler máis
  • Rueda anuncia que a Xunta declara Proxecto Industrial Estratéxico o desenvolvemento inicial do complexo industrial de fabricación de automóbiles SAIC, co fin de crear máis de 2.000 empregos en Ferrol
    Ler máis