- Defende a eliminación de obstáculos burocráticos para a axilización dos proxectos económicos
- No último ano, a Oficina Económica atendeu preto de 19.000 consultas e asesorou 193 proxectos de especial relevancia
Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reafirmou hoxe o compromiso do Goberno galego coa simplificación administrativa para así fortalecer o desenvolvemento empresarial, tamén nos proxectos de emprendedores e de pequenas e medianas empresas.
Durante a súa intervención no aniversario da posta en marcha da Oficina Económica do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), creada hai un ano co obxectivo de reducir a tramitación burocrática das empresas na súa relación coa Administración, Rueda afirmou que a Oficina “supuxo un salto cualitativo” ao ofrecer a empresas e inversores “unha canle privilexiada” e “rápida” para tratar as súas iniciativas.
Segundo sinalou o presidente, a Oficina “chamou a atención” fora de Galicia e forma parte da aposta da Xunta por facer á nosa comunidade un lugar “atractivo e competitivo” para aproveitar as oportunidades retendo e atraendo investimentos, e onde van atopar criterios “esixentes” pero tamén “facilidades” e “seguridade xurídica”.
Neste sentido, o Goberno galego emprendeu dúas liñas de acción para facilitar a redución de trámites: por unha banda, a dixitalización dos procesos para descentralizar a presentación de documentos, obter respostas e asesoramento en tempo real e gañar en eficiencia e transparencia; e, por outra banda, axudas directas a emprendedores, autónomos e pemes para crear un entorno máis favorable á implantación de novas industrias.
Dende a súa posta en marcha, a Oficina Económica do IGAPE atendeu preto de 19.000 consultas, mantivo 865 reunións con empresas, asesorou 193 proxectos de especial relevancia e resolveu máis do 85% das consultas realizadas no mesmo momento.