- O delegado territorial lembrou que a Xunta, a través do Instituto Económico de Galicia (Igape), abriu o pasado día 21 de xaneiro, o prazo de presentación de solicitudes dunha nova edición deste programa cun orzamento de 2,8 M€
- O representante do Goberno galego explicou que os servizos teñen un carácter práctico e buscan a profesionalización da empresa, resultando clave o acompañamento e a formación ofrecidos
- Desde que se puxo en marcha no ano 2012, este programa de asesoramento especializado leva beneficiado a máis de 2.000 empresas galegas, con máis de 3.000 servizos prestados e un orzamento executado de 14 millóns de euros
- Manuel Pardo concluíu afirmando, que Ourense, como o resto de Galicia, ten que diferenciarse pola calidade dos seus produtos, e para acadar esta meta as empresas necesitan levar a cabo proxectos de mellora para dar resposta aos retos do mercado
Ourense, 24 de marzo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a pastelería ‘Meraki Cakes & Food’ na cidade de Ourense, unha das 26 pequenas e medianas empresas ourensás beneficiadas do programa ReAcciona da convocatoria do ano anterior, no que a Consellería de Economía e Industria investiu preto de 107.000 euros para, a través dun catálogo de servizos, mellorar a competitividade empresarial.
O delegado territorial detallou que o servizo subvencionado neste establecemento, consistiu na optimización da produción e a cadea loxística, para que a empresa poida facer fronte ao incremento esperado na demanda, garantindo que os produtos solicitados desde todas as tendas, estarán dispoñibles na data acordada.
Neste marco, o Manuel Pardo lembrou durante a súa visita, que a Xunta, a través do Instituto Económico de Galicia (Igape), abriu o pasado día 21 de xaneiro, o prazo de presentación de solicitudes dunha nova edición deste programa cun orzamento de 2,8 M€ , e que permanecerá activo ata o próximo 15 de novembro ofrecendo a pemes e autónomos diferentes ferramentas e servizos avanzados para ser máis competitivos.
O representante do Goberno galego detallou que esta liña de apoios inclúe 13 servizos diferentes para mellorar a competitividade empresarial, sinalando entre outros, o asesoramento para o relanzamento comercial, para o financiamento da innovación; apoio a empresas emerxentes innovadoras; a análise do cumprimento normativo e os riscos legais (compliance); captación e xestión do talento; optimización dos procesos de produción; ou a mellora da xestión financeira e procura de financiamento.
Así mesmo, explicou que os servizos teñen un carácter práctico e buscan a profesionalización da empresa, resultando clave o acompañamento e a formación ofrecidos. Ademais recalcou, que as empresas que queiran optar a estas axudas de ata o 80% dos importes definidos para cada servizo, deberán ter un mínimo de 3 persoas traballadoras.
Desde que se puxo en marcha no ano 2012, este programa de asesoramento especializado leva beneficiado a máis de 2.000 empresas galegas, con máis de 3.000 servizos prestados e un orzamento executado de 14 millóns de euros.
Manuel Pardo concluíu afirmando, que Ourense, como o resto de Galicia, ten que diferenciarse pola calidade dos seus produtos, e para acadar esta meta as empresas necesitan levar a cabo proxectos de mellora para dar resposta aos retos do mercado a través do coñecemento externo, xunto con metodoloxías e ferramentas de traballo necesarias para promover o cambio.