Rueda destaca a capacidade loxística e industrial de Galicia na chegada da multinacional SAIC

Xoves, 09 Xullo 2026 18:08
  • Sinala que as probas que se están desenvolvendo estes días son a evidencia tanxible da aposta da empresa pola comunidade autónoma e do inicio “dun proxecto industrial de longo percorrido chamado a transformar o futuro de Galicia”
  • Afirma que a rexión ofrece “estabilidade, capacidade industrial, infraestruturas, loxística e talento, ademais da seguridade de que aquí se fan as cousas ben, o compromiso e a fiabilidade que distinguen a Galicia Calidade”
  • Considera que a chegada desta industria consolidará ao territorio como “un dos polos de automoción máis importantes de toda Europa”

Ferrol, 9 de xullo

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a “capacidade técnica, loxística e industrial” que atesoura Galicia, e que considerou un dos factores que contribuíu a que a multinacional do automóbil SAIC elixise Galicia como para instalar a súa planta de produción na Unión Europea. Unha decisión que agradeceu e que cualificou como “un primeiro paso de cara a constituír unha relación duradeira” entre a empresa e a nosa comunidade autónoma.

 Así o sinalou esta mañá durante a súa participación no acto de recepción dun buque portavehículos da multinacional, que chegou ao Porto de Ferrol co obxectivo de facer comprobacións loxísticas. Esta proba vén a evidenciar, segundo expuxo Rueda, que a aposta de SAIC por Galicia é tanxible. “Hoxe contemplamos a primeira imaxe visible dun proxecto industrial de longo percorrido chamado a transformar o futuro de Galicia”, indicou.

Neste sentido, agradeceu aos representantes da empresa ter escollido Galicia fronte a outros territorios. Así, lembrou que “Galicia ofrece estabilidade, capacidade industrial, infraestruturas, loxística e talento, ademais da seguridade de que aquí se fan as cousas ben, o compromiso e a fiabilidade que distinguen a Galicia Calidade”, afirmou.

Na súa intervención, tamén se referiu á importancia que a chegada desta empresa terá para Ferrol e As Pontes, e para ás súas comarcas. Con todo, precisou que o alcance será para toda Galicia, pois permitirá fortalecer o conxunto das cadeas de valor, abrir novas oportunidades e “consolidar á comunidade como un dos polos de automoción máis importantes de toda Europa”. En concreto, este proxecto suporá un investimento inicial duns 200 millóns de euros e a creación de ao redor de 2.300 empregos nunha primeira fase.

“Aquí van encontrar institucións comprometidas, empresas preparadas, universidades e centros tecnolóxicos de primeiro nivel e profesionais altamente cualificados”, indicou o presidente da Xunta, ao tempo que afirmou que, tamén atoparán o recibimento dunha “sociedade civil que sabe agradecer a quen chega con vontade de investir, crear emprego e construír futuro”.

A aposta de Galicia por captar iniciativas como esta obedece ao obxectivo marcado pola Xunta de seguir medrando, diversificando as capacidades e incorporando novas tecnoloxías da man de empresas líderes mundiais. Así, Rueda reivindicou tamén todo o traballo feito ata agora e recoñeceu a necesaria implicación do resto de administracións para seguir traballando de forma conxunta polo interese xeral.

  • Lorenzana destaca o papel que debe facer a administración como aliada das empresas que queren investir en Galicia
    Ler máis
  • Rueda destaca a capacidade loxística e industrial de Galicia na chegada da multinacional SAIC
    Ler máis
  • Rueda reúnese con representantes de SAIC en Monte Pío
    Ler máis