Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asegurou hoxe que o contract abre oportunidades de incorporar a madeira ao deseño, á arquitectura e a novas solucións construtivas. “Pode actuar como unha ponte entre o recurso forestal e o mercado”, asegurou.
Lorenzana clausurou hoxe a XVI Semana Internacional Contract Galicia, acompañada do director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, e alí lembrou a aposta da Xunta por fomentar a construción industrializada en madeira que, segundo dixo, “amplía a maneira de entender o contract”.
A conselleira destacou a vocación internacional deste sector que, en Galicia, abrangue preto de 200 empresas, máis de 7.000 postos de traballo e unha facturación de ata 700 millóns de euros. “O noso desafío é conectar mellor todas as nosas capacidades e situar as empresas galegas non só como provedoras, senón como socias estratéxicas dos grandes proxectos internacionais”, asegurou.
Neste contexto fixo referencia aos últimos datos de exportacións da comunidade autónoma que, ata agosto deste ano, creceron un 1,5 por cento, ata os 20.546,3 millóns de euros. Galicia concentra o 7,8 por cento das exportacións de toda España e ocupa a sexta posición entre comunidades, moi preto do País Vasco.
O reto, proseguiu, consiste agora en “ampliar esa base empresarial, reforzar a nosa posición nos principais destinos europeos e acceder a novas oportunidades comerciais noutros mercados”. E, para iso, lembrou que a Xunta presentará proximamente a nova Estratexia de Internacionalización, que se vai sumar á Estratexia de Innovación Empresarial aprobada esta mesma semana con máis de 400 millóns de euros de investimento.