A Xunta explora en China novas oportunidades de colaboración empresarial en sectores estratéxicos para Galicia

Xoves, 22 Outubro 2026 18:22

Tianjin (China), 22 de outubro de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, mantivo un encontro cos responsables económicos do distrito de Hexi, un dos principais distritos empresariais da cidade chinesa de Tianjin, co obxectivo de explorar novas oportunidades de colaboración económica e empresarial entre Galicia e China e favorecer o desenvolvemento de novos contactos e proxectos conxuntos.

Durante a reunión, celebrada no marco dunha visita institucional e comercial ao país asiático, abordáronse as posibilidades de cooperación en catro sectores nos que Hexi conta cunha destacada actividade empresarial: a loxística, o aeroespacial, a biotecnoloxía e a saúde e as novas tecnoloxías. Trátase de ámbitos nos que Galicia tamén dispón de capacidades empresariais, industriais e tecnolóxicas que poden facilitar novas vías de colaboración.

Neste contexto, Toca Carús puxo en valor a fortaleza e a diversidade do tecido empresarial galego, a súa experiencia nos mercados internacionais e a capacidade para desenvolver proxectos innovadores en sectores de alto valor engadido. Así mesmo, destacou as sinerxías e os intereses comúns existentes entre ambos os territorios, que ofrecen oportunidades para impulsar novas relacións comerciais, compartir coñecemento e explorar posibles investimentos.

Tras o encontro, quedou aberta a posibilidade de organizar futuras visitas de empresas galegas a Tianjin, así como dunha delegación de Hexi e Tianjin a Galicia, co fin de coñecer de primeira man as capacidades empresariais de ambos os territorios e identificar oportunidades concretas de cooperación.

A directora do Igape destacou a importancia destes contactos para seguir reforzando a proxección internacional de Galicia e abrir novas oportunidades de negocio para as empresas galegas. Neste sentido, lembrou o papel da Antena do Igape en China como instrumento para facilitar contactos, identificar oportunidades e acompañar o tecido empresarial na súa actividade neste mercado.

  • Lorenzana sinala que o contract abre oportunidades de incorporar a madeira ao deseño, á arquitectura e a novas solucións construtivas
    Ler máis
  • A Xunta explora en China novas oportunidades de colaboración empresarial en sectores estratéxicos para Galicia
    Ler máis
  • Lorenzana destaca o compromiso do grupo J. Rilo coa economía circular e a eficiencia na industria
    Ler máis