Lorenzana anuncia que o vindeiro 28 de xullo se convocarán as axudas para financiar ás adegas galegas a adquisición de uva, cun orzamento de 2 M€

Sábado, 18 Xullo 2026 19:02
  • Poderán solicitarse desde o mércores 5 de agosto
  • Apunta que é unha liña de apoios que a Xunta leva convocando desde 2023 para axudar ás adegas das cinco denominacións de orixe a afrontar un dos momentos de maior esforzo financeiro do ano
  • Busca darlles liquidez, acceso a financiamento en condicións máis vantaxosas, posto que a Xunta subvenciona os xuros e as comisións dos préstamos formalizados para a compra das uvas
  • Un total de 119 adegas lévanse acollido a estes apoios nas tres edicións convocadas ata o de agora (2023-2025)

O Rosal (Pontevedra), 18 de xullo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que o vindeiro martes 28 de xullo sairán publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) as axudas do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para financiar ás adegas galegas a adquisición de uva, cun orzamento de 2 millóns de euros. Poderán solicitarse desde o 5 de agosto.

Lorenzana fixo este anuncio nunha visita a Adegas Valmiñor, no Rosal, onde explicou que esta é unha liña de apoios que a Xunta leva convocando desde 2023 para axudar ás adegas a afrontar un dos momentos de maior esforzo financeiro do ano, posto que lles facilita adquirir a colleita de uva e efectuar o pagamento aos viticultores nos prazos establecidos.

O que se busca, dixo, é darlles liquidez, acceso a financiamento en condicións máis vantaxosas, posto que a Xunta subvenciona os xuros e as comisións das operacións de préstamos formalizadas para a adquisición da uva.

É unha convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva á que poderán acollerse os préstamos formalizados entre o 1 de setembro e o 30 de decembro de 2026.

Nas tres edicións convocadas ata o de agora (2023-2025), lévanse acollido a estes apoios 119 adegas, con máis de 41,7 M€ de financiamento mobilizado e 2,1 M€ en axudas concedidas.

As cinco Denominacións de Orixe e as catro Indicacións Xeográficas Protexidas intégranas 13.400 viticultores e 479 adegas, cun valor económico do viño comercializado superior aos 200 M€. Neste contexto, o obxectivo desta liña de financiamento é contribuír á competitividade dun sector estratéxico para a economía galega e para o medio rural de Galicia, conscientes, sinalou, do impacto que está tendo na produción os fenómenos climatolóxicos adversos e as flutuacións do mercado.

Sobre Adegas Valmiñor, recoñeceu que é, sobre todo, unha empresa que leva moito tempo apostando por unha viticultura baseada na investigación e na mellora tecnolóxica. Unha adegas, ademais, que recibiu múltiples premios en concursos de viño nacionais e internacionais, o cal dá conta da calidade que conseguen na súa produción, concluíu.

  • Lorenzana anuncia que o vindeiro 28 de xullo se convocarán as axudas para financiar ás adegas galegas a adquisición de uva, cun orzamento de 2 M€
    Ler máis
  • A Xunta destaca a fortaleza da industria galega para atraer investimentos e competir na nova economía
    Ler máis
  • Lorenzana adianta que a Xunta aprobará este mesmo ano a primeira Estratexia de innovación empresarial de Galicia, que mobilizará máis de 400 M€
    Ler máis