Lorenzana felicita a VIG-Sec Drone por ser unha das 15 empresas seleccionadas a nivel mundial para formar parte dunha aceleradora impulsada pola OTAN

Mércores, 02 Setembro 2026 17:12

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, felicitou esta mañá á empresa galega Vig-Sec Drone, tras ser seleccionada para formar parte do programa de aceleración DIANA (Defence Innovation Accelerator for the North Atlantic) que impulsa a OTAN. Vaino facer coa plataforma de xestión e coordinación táctica do espazo aéreo de media e baixa cota denominada Suite ACRE, no marco da fase Mission Track. 

Lorenzana, que a pasada semana visitou as instalacións que esta firma pontevedresa ten no municipio de Nigrán, celebrou que a tecnolóxica galega especializada en servizos aeronáuticos, formación e desenvolvemento de software de xestión de espazo aéreo, forme parte dun selecto grupo de 15 empresas a nivel mundial cuxas solucións innovadoras son consideradas de alto valor engadido para os países da que integran a OTAN. Precisamente, a participación nesta fase da aceleradora tecnolóxica daralles a posibilidade de presentar a súa tecnoloxía aos departamentos de Defensa dos países que integran a Alianza. 

Finalmente, a titular de Economía e Industria lembrou que Vig-Sec Drone creceu co apoio da Xunta de Galicia a través de aceleradoras como a BFAero ou ViaGalicia, así como coa participación directa de Xesgalicia no seu capital.

  • Lorenzana aposta pola innovación para crear un ecosistema industrial atractivo que permita captar novas empresas e atraer talento
    Ler máis
  • Lorenzana felicita a VIG-Sec Drone por ser unha das 15 empresas seleccionadas a nivel mundial para formar parte dunha aceleradora impulsada pola OTAN
    Ler máis
  • Lorenzana convida a Thune Eureka a sumarse á iniciativa estratéxica de seguridade, defensa e aeroespazo
    Ler máis