Lorenzana aposta pola innovación para crear un ecosistema industrial atractivo que permita captar novas empresas e atraer talento

Mércores, 02 Setembro 2026 17:30
  • Lembra que a Xunta vén de resolver en agosto as convocatorias de axudas dos programas IA360, Igape Innova e Ticket Innova que concederá case 15 millóns de euros en axudas directas á innovación empresarial a máis de 500 empresas de Galicia
  • Sinala que estes apoios enmárcanse na Estratexia Galega de Innovación 2026-2028 que busca reforzar a innovación como un dos piares da “nosa política industrial para impulsar a produtividade, a competitividade e o crecemento económico”

Pontevedra, 2 de setembro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a aposta da Xunta pola innovación para crear un ecosistema industrial atractivo que permita captar novas empresas e atraer talento.

Lorenzana, visitou en Pontevedra as instalacións de Hifas da Terra, unha empresa biotecnolóxica especializada no desenvolvemento de proxectos relacionados coa saúde e o benestar a partir de fungos, onde destacou a importancia de incentivar a innovación tecnolóxica para que as empresas “poidan incrementar as oportunidades de gañar conta de mercado”, dixo. “Dándolles respaldo axudámoslles a modernizar os seus procesos para adaptarse aos mercados cada vez máis dinámicos e competitivos”, engadiu.

Neste marco, lembrou que o Goberno galego vén de resolver este mes de agosto as convocatorias de axudas dos programas IA360, Igape Innova e Ticket Innova que permitirán conceder case 15 millóns de euros en axudas directas á innovación empresarial a máis de 500 empresas de Galicia.

En concreto, no Ticket Innova concedéronse 66 axudas por importe de un millón de euros; na liña de Igape Innova concedéronse case catro millóns de euros que beneficiarán a 40 proxectos, e coa IA360 apoiáronse 97 proxectos cun investimento público de 10 millóns. “As tres liñas configuran unha oferta integral de apoio á innovación das empresas galegas”, subliñou.

Estes apoios enmárcanse na Estratexia Galega de Innovación 2026-2028 que busca reforzar a innovación como un dos piares da nosa política industrial para impulsar a produtividade, a competitividade e o crecemento económico.

Finalmente, a titular de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, felicitou a todo o equipo de profesionais de Hifas da Terra, que con case 30 anos de historia xa ten presenza en máis de 25 países do mundo con sociedades filiais en Francia, Alemaña, Italia e Reino Unido.

  • Lorenzana aposta pola innovación para crear un ecosistema industrial atractivo que permita captar novas empresas e atraer talento
    Ler máis
  • Lorenzana felicita a VIG-Sec Drone por ser unha das 15 empresas seleccionadas a nivel mundial para formar parte dunha aceleradora impulsada pola OTAN
    Ler máis
  • Lorenzana convida a Thune Eureka a sumarse á iniciativa estratéxica de seguridade, defensa e aeroespazo
    Ler máis