A Xunta reforza a súa axenda empresarial en China explorando o potencial loxístico e industrial de Tianjin

Sábado, 24 Outubro 2026 09:26
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, visita un dos principais portos de China, acompañada por empresas galegas con intereses comerciais no mercado asiático
  • A xornada incluíu tamén un percorrido pola área industrial e tecnolóxica de Binhai, que concentra importantes empresas dos sectores da automoción, o aeroespacial, a biotecnoloxía e a saúde

 

Tianjin (China), 24 de outubro de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou o porto de Tianjin, un dos principais centros portuarios e loxísticos de China, acompañada por representantes das empresas galegas Citic Censa, Pérez Torres e Kaleido, con intereses comerciais no mercado chinés. A visita enmarcouse na axenda institucional e empresarial desenvolvida pola Xunta de Galicia no país asiático para identificar novas oportunidades de negocio e reforzar as relacións económicas entre ambos os territorios.

A visita desenvolveuse no marco do evento «2026 Multinational Enterprises Visit to Tianjin», organizado por CITIC Group, que reuniu representantes institucionais e empresariais internacionais co obxectivo de dar a coñecer as capacidades industriais, tecnolóxicas e loxísticas de Tianjin e explorar novas oportunidades de colaboración e investimento.

A visita desenvolveuse no marco do evento «2026 Multinational Enterprises Visit to Tianjin», organizado por CITIC Group, que reuniu representantes institucionais e empresariais internacionais co obxectivo de dar a coñecer as capacidades industriais, tecnolóxicas e loxísticas de Tianjin e explorar novas oportunidades de colaboración e investimento.

Durante o percorrido, a delegación puido coñecer as instalacións e os plans de desenvolvemento do porto de Tianjin, situado entre os cinco primeiros de China en tráfico de contedores e cun papel estratéxico nas conexións comerciais e loxísticas do norte do país, especialmente na área de Beijing.

A participación das empresas galegas permitiu coñecer de primeira man as capacidades loxísticas da zona e explorar posibles oportunidades de colaboración, tendo en conta os seus intereses comerciais nun mercado de gran relevancia internacional.

A xornada incluíu tamén unha visita á Binhai New Area, unha das principais áreas de desenvolvemento industrial e tecnolóxico de Tianjin, que concentra unha importante actividade empresarial en sectores como a automoción, a industria aeroespacial, a biotecnoloxía, a saúde e as novas tecnoloxías. Neste espazo teñen presenza grandes compañías internacionais, xunto cunha ampla rede de empresas industriais e de compoñentes.

Neste contexto, Toca Carús destacou a importancia de acompañar as empresas galegas nos mercados internacionais, facilitar o coñecemento directo de novos contornos empresariais e favorecer contactos que poidan traducirse en oportunidades de negocio. Así mesmo, puxo en valor as capacidades industriais e tecnolóxicas de Galicia e as posibilidades de establecer novas relacións de colaboración en sectores de interese común.

Finalmente, a directora lembrou o traballo que desenvolve o Igape para apoiar a internacionalización do tecido empresarial galego, a través de iniciativas comerciais e institucionais e da súa rede de Antenas no exterior. Neste sentido, destacou o papel da Antena do Igape en China, que facilita contactos, identifica oportunidades e acompaña as empresas galegas na súa actividade neste mercado.

 

  • A Xunta reforza a súa axenda empresarial en China explorando o potencial loxístico e industrial de Tianjin
    Ler máis
  • Lorenzana sinala que o contract abre oportunidades de incorporar a madeira ao deseño, á arquitectura e a novas solucións construtivas
    Ler máis
  • A Xunta explora en China novas oportunidades de colaboración empresarial en sectores estratéxicos para Galicia
    Ler máis