A Xunta subliña o potencial da innovación para impulsar a competitividade da industria conserveira galega

Venres, 13 Novembro 2026 14:47
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe en Vigo na clausura do proxecto Tecmopic, impulsado por Hermasa e Anfaco, que aposta pola aplicación da intelixencia artificial e outras tecnoloxías avanzadas aos procesos industriais
  • Salienta a oportunidade de consolidar Galicia como referente non só na produción de conservas, senón tamén no desenvolvemento de maquinaria e solucións tecnolóxicas para o sector
  • Pon en valor a nova Estratexia Galega de Innovación Empresarial 2026-2028, Galicia Fábrica de Innovación, coa que a Xunta busca transformar o coñecemento en novos produtos, procesos máis eficientes e oportunidades de negocio

Vigo, 13 de novembro de 2026

A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou hoxe o papel da innovación e da colaboración entre empresas e centros tecnolóxicos como ferramentas fundamentais para reforzar a competitividade da industria conserveira galega e abrir novas oportunidades de crecemento.

Así o sinalou durante a súa intervención no acto de clausura do proxecto Tecmopic, celebrado no Círculo de Empresarios de Galicia, en Vigo, onde puxo en valor esta iniciativa impulsada por Hermasa e Anfaco como exemplo da capacidade do tecido industrial galego para incorporar tecnoloxías avanzadas e transformar o coñecemento en solucións prácticas para as empresas.

Neste marco, Toca Carús lembrou a importancia estratéxica da industria transformadora de produtos do mar, un sector que en España alcanzou en 2025 unha produción superior ás 954.000 toneladas, cun valor de 6.784 millóns de euros, máis de 25.300 empregos e presenza exportadora en 149 países.

Así mesmo, destacou que proxectos como Tecmopic permiten avanzar na modernización dos procesos produtivos mediante a aplicación de ferramentas como a intelixencia artificial, a visión artificial, a sensórica e os sistemas intelixentes de inspección e control, contribuíndo a mellorar a eficiencia e o aproveitamento dos recursos.

A directora do Igape incidiu especialmente na oportunidade que estas iniciativas representan para Galicia, ao permitir combinar o liderado da industria conserveira co desenvolvemento de tecnoloxía propia. Neste sentido, defendeu a importancia de que a comunidade siga sendo unha potencia na produción e exportación de conservas de calidade e, ao mesmo tempo, avance como referente internacional na fabricación de maquinaria e solucións tecnolóxicas para o sector.

Galicia Fábrica de Innovación

Durante a súa intervención, Toca Carús vinculou os obxectivos de Tecmopic coa nova Estratexia Galega de Innovación Empresarial 2026-2028, Galicia Fábrica de Innovación, coa que a Xunta busca impulsar a incorporación do coñecemento e da tecnoloxía á actividade empresarial.

A este respecto, explicou que a prioridade do Goberno galego pasa por "industrializar a innovación", favorecendo que a investigación se traduza en novos produtos, mellores procesos e oportunidades reais de negocio.

Para finalizar, salientou o impulso á colaboración entre empresas e centros tecnolóxicos para o desenvolvemento de maquinaria avanzada e a incorporación de ferramentas dixitais nas pemes, co obxectivo de levar a innovación ás fábricas e traducila en melloras concretas na súa actividade e competitividade.

  • A Xunta pon en valor o potencial da innovación e o deseño para impulsar a competitividade do sector da madeira en Galicia
    Ler máis
  • A Xunta subliña o potencial da innovación para impulsar a competitividade da industria conserveira galega
    Ler máis
  • Aviso Institucional | Traslado provisional da sede central do Igape en Santiago de Compostela
    Ler máis