A Xunta encabeza unha misión comercial a México co obxectivo de seguir abrindo mercado ás empresas galegas

Mércores, 20 Setembro 2023 11:18

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, acompaña a máis dunha vintena de pemes de diversos sectores con intereses de negocio no país

  • O obxectivo é promocionar os produtos galegos e posicionar a Marca Galicia no mercado mexicano
  • Paralelamente, Lorenzana terá ocasión de visitar a antena do Igape no país azteca e varias das empresas galegas instaladas alí, ademais de manter diversos encontros institucionais
  • No primeiro día de estancia en México, Lorenzana coñeceu as instalacións da empresa Carrocerías Halcón

 

Celaya (México), 19 de setembro de 2023. A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, encabeza desde hoxe unha misión comercial a México co obxectivo de seguir estreitando as relacións comerciais entre Galicia e o país norteamericano e explorar novas oportunidades para o tecido empresarial galego.

A viaxe, na que participan máis dunha vintena de empresas galegas, coincide coa conmemoración do 30 aniversario da celebración, en 1992, da primeira Quincena de Galicia en México no Palacio de Hierro, unha empresa mexicana da cadea de retail. A idea, polo tanto, é aproveitar a reedición deste evento para promocionar os produtos galegos e posicionar a Marca Galicia no mercado mexicano.

Neste contexto, a conselleira de Economía, Industria e Innovación, ademais de asistir mañá a este acto de aniversario, vai ter ocasión estes días de desenvolver unha axenda de visitas a varias empresas galegas implantadas en México, coñecer a antena do Igape e manter diversos encontros a nivel institucional.

Así pois, hoxe, no seu primeiro día de estadía no país, tivo ocasión de visitar as instalacións da compañía Carrocerías Halcón, do Grupo Marsan, unha das principais provedoras do sector da automoción con 45 anos de traxectoria. Dela, Lorenzana eloxiou a súa capacidade de adaptación, a través da innovación, ás novas demandas do mercado.

  • Lorenzana aposta pola innovación para crear un ecosistema industrial atractivo que permita captar novas empresas e atraer talento
    Ler máis
  • Lorenzana felicita a VIG-Sec Drone por ser unha das 15 empresas seleccionadas a nivel mundial para formar parte dunha aceleradora impulsada pola OTAN
    Ler máis
  • Lorenzana convida a Thune Eureka a sumarse á iniciativa estratéxica de seguridade, defensa e aeroespazo
    Ler máis