Rueda anuncia máis de 160 M € na nova Estratexia de internacionalización das empresas galegas, con China e Mercosur como mercados prioritarios

Luns, 23 Novembro 2026 21:45
  • A conselleira de Economía e Industria salienta que o obxectivo é que “máis empresas galegas vendan fóra, que o fagan de forma estable e cheguen a novos mercados”
  • Unha das metas é aumentar un 50% as exportacións a países estratéxicos de Asia, Mercosur e Norteamérica coa posta en marcha dos novos programas Galicia Implantación Exterior, Galicia Conecta Mercosur e Galicia Conecta China, para os cales se teñen reservado case 140 M €
  • Búscase, ademais, internacionalizar a innovación, cun orzamento de 11,45 M€ para, entre outras medidas, poñer en marcha a nova aceleradora Galicia Internacional
  • Reforzarase a Rede Exterior do Igape e ás seis antenas actuais sumaranse dúas novas no Brasil e Arxentina, para reforzar a presenza de Galicia no Mercosur
  • A meta é alcanzar os 32.000 M€ en exportacións, incrementar un 20% a base exportadora regular e captar 600 millóns de euros de investimento internacional
  • Galicia afronta esta nova etapa en moi boa posición, tras incrementar máis dun 60% as súas exportacións na última década e superar os 30.900 millóns de euros en 2025

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello “aprobou hoxe a nova Estratexia de internacionalización das empresas galegas, con horizonte 2028, e dotada de máis de 160 millóns de euros”. Este orzamento supera nun 54 % o da Estratexia 2021-2025.

O obxectivo, tal e como resaltou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, “é que cada vez máis empresas galegas vendan fóra, que o fagan de forma estable e cheguen a novos mercados”. A nova folla de ruta poñerá especial interese, segundo explicou o presidente, “en dous destinos que ofrecen grandes oportunidades como é China e os países de Mercosur”.

Nun contexto condicionado polas tensións xeopolíticas e comerciais e pola reconfiguración dos fluxos do comercio mundial, Galicia parte dunha moi boa posición, porque as exportacións galegas medraron máis dun 60 por cento na última década e en 2025 situouse como a quinta comunidade autónoma en volume exportador, con máis de 30.900 millóns de euros. Ademais “hai case 3.000 empresas galegas que exportan de xeito habitual”, resaltou Rueda. Por sectores, a conselleira salientou que máis da metade das vendas fóra de España corresponden aos sectores “da automoción e o téxtil”.

Sobre estes resultados, esta estratexia dá continuidade ao traballo desenvolvido no período 2021-2025 e incorpora novas medidas para ampliar a base exportadora, diversificar destinos e facilitar a consolidación das empresas nos mercados internacionais. Estrutúrase en cinco eixes e catorce plans de acción, que combinan información, formación, promoción exterior, financiamento e captación de investimentos.

Novos programas: Galicia Conecta China e Galicia Conecta Mercosur

O eixe relativo a novos mercados é o que concentra a maior dotación da estratexia, 139,4 millóns de euros. Integra os principais instrumentos de apoio directo ás empresas para impulsar o seu crecemento e consolidación nos mercados internacionais. Recolle, así, subvencións para a promoción exterior, a participación en feiras e misións comerciais e a apertura de novos mercados, así como en instrumentos de financiamento que faciliten a implantación empresarial no exterior, tanto mediante financiamento directo como a través de capital risco.

Neste eixe, poranse en marcha novos programas como Galicia Implantación Exterior, con 50,4 millóns de euros, para apoiar o establecemento e consolidación das empresas galegas noutros países. A diversificación de mercados reforzarase con Galicia Conecta Mercosur, con 28,4 millóns, e Galicia Conecta China, con 28,35 millóns, para impulsar novas oportunidades comerciais nestes destinos.

A estas iniciativas súmase Galicia Conecta País-Sector, con 32,3 millóns de euros, para desenvolver actuacións de internacionalización adaptadas aos sectores estratéxicos da economía galega.

En definitiva, a nova Estratexia de internacionalización pivotará sobre as principais áreas xeográficas que poden representar unha oportunidade para o tecido empresarial galego neste eido, con especial atención a EUA e México no caso de Norteamérica, e da China e Xapón, no de Asia.

Internacionalizar a innovación

O segundo eixe irá dedicado á internacionalización da innovación e contará con 11,45 millóns de euros, a través de iniciativas como Internacionalización Dixital, con 8,28 millóns; Galicia Empresa Global, con 2 millóns, para apoiar o crecemento internacional de startups; e a Aceleradora Galicia Internacional, con 1,17 millóns, orientada á expansión de proxectos innovadores.

O eixe sobre acceso á información e fomento da internacionalización estará dotado con 6,67 millóns de euros e inclúe, entre outras, actuacións como Galicia Talento Internacional, con 5,33 millóns, para reforzar a formación e incorporación de profesionais especializados en comercio exterior; ou o Centro de Intelixencia de Mercados, que utilizará ferramentas de análise de datos e intelixencia artificial para identificar oportunidades de negocio.

Rede Exterior e captación de investimentos

A estratexia tamén reforzará a Rede Exterior do Igape, con 2,86 millóns de euros, para apoiar as empresas galegas en destino, identificar oportunidades de negocio e captar investimentos para Galicia, conectando as antenas internacionais coas asociacións de empresarios galegos no exterior, antigos bolseiros e directivos con experiencia internacional. Neste marco, ás seis antenas actuais nos Estados Unidos, México, Marrocos, China, Xapón e Emiratos Árabes Unidos sumaranse dúas novas no Brasil e Arxentina, reforzando a presenza de Galicia nos mercados do Mercosur.

Pola súa banda, o quinto eixe incorpora un Plan de atracción de investimentos, dotado cun millón de euros, para “seguir captando novos proxectos empresariais de fóra á Galicia”, indicou o presidente.

Obxectivos ata 2028

A Estratexia, tal e como explicou a conselleira, fixa como metas alcanzar os 32.000 millóns de euros en exportacións, incrementar nun 20 por cento a base exportadora regular e aumentar un 50 por cento as exportacións aos mercados estratéxicos de Asia, Mercosur e Norteamérica. Tamén busca incrementar un 20 por cento as empresas apoiadas en internacionalización dixital e captar 600 millóns de euros de investimento internacional.

Con esta nova folla de ruta, a Xunta reforza o acompañamento ás empresas galegas, desde os primeiros pasos na exportación ata a súa consolidación e implantación no exterior, impulsando a súa competitividade e proxección internacional.

  • Rueda anuncia máis de 160 M € na nova Estratexia de internacionalización das empresas galegas, con China e Mercosur como mercados prioritarios
    Ler máis
  • Villares participa na xuntanza anual da asociación de empresarios dos polígonos do Ceao e As Gándaras
    Ler máis
  • Lorenzana remarca a necesidade de xerar confianza ás empresas para axudarlles a crecer e a investir
    Ler máis