A Xunta e o Consorcio Zona Franca de Vigo renovan as súas liñas de colaboración mutua para impulsar a atracción de empresas en Galicia

Venres, 19 Xullo 2024 08:00
  • Tanto a conselleira como o delegado amosaron a súa disposición a seguir explorando novos ámbitos de traballo en común para xerar solo industrial e atraer novos proxectos empresariais cara á Comunidade
  • Lorenzana enmarca a relación de colaboración co CZFV dentro dos obxectivos da política industrial do Goberno galego, que busca fomentar a colaboración público-privada e institucional para impulsar a competitividade dos sectores estratéxicos

 

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2024

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe un encontro co delegado especial do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, con quen abordou as liñas de colaboración que a Xunta de Galicia mantén abertas con esta entidade para impulsar o desenvolvemento e a atracción de empresas en Galicia.

Entre outros asuntos, na xuntanza, Lorenzana e Regades abordaron o proxecto de ampliación do Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo (PTL), cunha superficie bruta de 252.000 m². De igual xeito, tamén trataron os avances na tramitación para ampliar a Plataforma Loxística Industrial Salvaterra-As Neves (Plisan).

Tanto a conselleira como delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo amosaron a súa disposición a seguir explorando novos ámbitos de colaboración para xerar solo industrial e atraer novos proxectos empresariais cara a Galicia. Ao respecto, Regades coincidiu na necesidade dunha aposta mutua de ambas as dúas institucións polos sectores estratéxicos para desenvolver a política industrial, e cualificou de imprescindible a colaboración entre as administracións que teñen intereses comúns.

En liñas xerais, Lorenzana enmarcou a relación de colaboración que veñen mantendo a Xunta de Galicia e o Consorcio da Zona Franca de Vigo dentro dos obxectivos da política industrial do Goberno galego, que busca fomentar a colaboración público-privada e institucional para impulsar a competitividade dos sectores estratéxicos da economía galega con medidas en materia de solo industrial, innovación e atracción de investimentos a través da Oficina Económica de Galicia no Igape.

  • A Xunta salienta o potencial do sector TIC galego e reafirma o compromiso coa innovación, a transformación dixital e o crecemento empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana apela a non deixarse contaminar pola corrente negacionista que quere derrocar a industria en Galicia
    Ler máis
  • Rueda anuncia que a Xunta declara Proxecto Industrial Estratéxico o desenvolvemento inicial do complexo industrial de fabricación de automóbiles SAIC, co fin de crear máis de 2.000 empregos en Ferrol
    Ler máis