A Xunta reforza os vínculos comerciais con EE.UU. coa vista posta na apertura de novas oportunidades de negocio para o tecido empresarial galego

Xoves, 27 Marzo 2025 18:16
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo unha reunión de traballo cunha delegación estadounidense desprazada a Galicia e con responsables da Asociación de Industrias do metal e tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime)
  • Lorenzana lembrou que o Goberno galego acaba de por en marcha un observatorio de vixilancia a través da antena do Igape no país norteamericano para facer un seguimento das políticas comerciais, asesorar as empresas galegas e ofrecer apoio técnico e información estratéxica para que poidan adaptarse aos novos escenarios

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou esta mañá o traballo do Goberno galego para minimizar as repercusións do novo contexto internacional no tecido empresarial galego do que gabou a súa capacidade para afrontar os cambios con éxito. Unha situación que Lorenzana analizou no transcurso da reunión de traballo que mantivo cunha delegación norteamericana formada por representantes da embaixada e de sete estados do país estadounidense (Ohio, Virginia, Carolina del Norte, Carolina del Sur, Texas, Indiana e Pensilvania) e na que tamén estiveron presentes membros da Asociación de Industrias do metal e tecnoloxías asociadas de Galicia (Asime), entidade promotora da visita.

Lorenzana explicou que o encontro serviu para estreitar os lazos comerciais con EEUU e abordar o impulso a novas fórmulas de colaboración entre o país norteamericano e as empresas galegas. De feito, na reunión apuntáronse, entre outras cuestións, as diferentes oportunidades de negocio nun país que para Galicia ten un enorme potencial investidor en áreas tan diversas como a construción, o sector das enerxías renovables, o aeroespacial ou a industria alimentaria.

Galicia é a quinta comunidade autónoma máis exportadora de España ao país estadounidense. No último ano, un milleiro de empresas galegas, das que 350 o fixeron de forma regular, exportaron produtos por un importe de 800 millóns de euros, o que representa o 2,6 % do total de exportacións de Galicia.

Aínda así, e malia que  a previsión é que o efecto de posibles aranceis sexa limitado na economía galega, a conselleira de Economía e Industria indicou que a Xunta está a manter unha estratexia activa para asegurar que as empresas galegas manteñan a súa competitividade a través do fomento da innovación, a internacionalización e a promoción dos seus produtos.  E tamén coa posta en marcha dun observatorio de vixilancia a través da antena que o Igape ten nos EEUU co obxecto de facer un seguimento das políticas comerciais, asesorar as empresas galegas e ofrecer apoio técnico e información estratéxica para que poidan adaptarse aos novos escenarios

  • A Xunta convoca axudas de case 4 M€ para promover as exportacións e o posicionamento das empresas galegas no mercado internacional
    Ler máis
  • A Xunta impulsa a descarbonización no sector galego da automoción con 14 M€ en axudas
    Ler máis
  • A Xunta porá en marcha unha nova liña de préstamos de ata 1 M€ para mitigar o impacto dos aranceis nas empresas galegas
    Ler máis