- A nova convocatoria desta aceleradora busca captar proxectos transformadores para un sector estratéxico que, con máis de 4.000 millóns de euros en exportacións anuais, sitúase como a terceira industria máis relevante tras a automoción e o téxtil
- A directora do Igape, Covadonga Toca, destaca o papel da rede de Business Factories que, grazas ao seu enfoque vertical, teñen contribuído á creación de máis de 1.400 empregos cualificados promovendo máis de 830 proxectos innovadores
- Subliña a aposta do Goberno galego en campos como a agricultura de precisión, a dixitalización da cadea alimentaria ou a produción de alimentos intelixentes, reforzando a competitividade do sector
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025
A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca Carús, participou hoxe no InfoDay que marca o inicio da VII edición da Business Factory Food (BFFood), unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que se ten consolidado como un referente na promoción do emprendemento e da innovación no sector agroalimentario.
Durante a súa intervención no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia, a directora do Igape destacou que a BFFood “non é só unha aceleradora de proxectos, senón un auténtico ecosistema de colaboración onde o talento emprendedor atopa respaldo, mentorización e acceso a redes estratéxicas para avanzar cara ao éxito”.
A nova edición da BFFood abre unha convocatoria dirixida a captar proxectos innovadores que dean resposta a retos reais do sector agroalimentario galego. O programa ofrece acompañamento integral desde a fase inicial de lanzamento ata a consolidación empresarial, con recursos, formación, asesoramento técnico e o apoio de grandes empresas tractoras do sector.
A directora do Igape puxo en valor que a aceleradora “forma parte dunha estratexia máis ampla da Xunta para fortalecer o tecido produtivo galego a través da innovación”, enmarcada nunha rede de aceleradoras sectoriais que inclúe tamén a BFAuto (automoción), BFAero (aeronáutica) ou a BF ClimaTech (economía circular).
O sector agroalimentario
Na súa intervención, a directora tamén subliñou a relevancia estratéxica do sector agroalimentario para a economía galega, con máis de 4.000 millóns de euros en exportacións anuais, sendo o terceiro sector máis relevante tras a automoción e o téxtil.
“Este sector non só é un motor económico, senón que tamén está en constante evolución. Galicia logrou posicionarse como unha referencia en sustentabilidade, tanto na pesca como na agricultura e a acuicultura, aproveitando os nosos recursos naturais de maneira responsable e respectuosa co medio ambiente”, engadiu.
Por último, a directora agradeceu o labor de coordinación do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), o compromiso das empresas colaboradoras e, especialmente, o esforzo dos emprendedores e emprendedoras que “co seu traballo, creatividade e visión están a situar Galicia á vangarda da innovación agroalimentaria”.