A Xunta porá en marcha unha nova liña de préstamos de ata 1 M€ para mitigar o impacto dos aranceis nas empresas galegas

Luns, 14 Abril 2025 18:52
  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, xunto cos titulares de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; do Medio Rural, María José Gómez; e do Mar, Alfonso Villares, reuniuse hoxe cos responsables de máis dunha vintena de clústeres, asociacións sectoriais e cos consellos reguladores para abordar os efectos da nova política arancelaria de EE.UU
  • Precisa que serán préstamos de ata 1 M€ e catro anos de carencia -o dobre do habitual-, que poden ser ampliables
  • A nova liña entra dentro dos 50 M€ que agora mesmo o Igape destina a préstamos para empresas, pero cunhas condicións específicas para dar cobertura a esta problemática
  • Anuncia que outra das medidas que se van adoptar será a creación dunha oficina con servizos especializados dependente da Oficina Económica de Galicia e en contacto coa antena que ten o Igape en Miami

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia vai poñer en marcha unha nova liña de préstamos de circulante de ata 1 millón de euros, ampliable, e con catro anos de carencia –o dobre que o habitual–, para mitigar o impacto que poidan ter os aranceis nas empresa galegas.

Xunto cos titulares de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; do Medio Rural, María José Gómez; e do Mar, Alfonso Villares, Lorenzana mantivo un encontro cos responsables de máis dunha vintena de clústeres, asociacións sectoriais e con consellos reguladores do viño para abordar os efectos da nova política arancelaria de EE.UU.

Segundo avanzou, a nova liña para circulante entra dentro dos 50 millóns de euros que agora mesmo o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) destina a préstamos para empresas pero cunhas condicións específicas para dar cobertura a esta problemática, dixo. Xunto con isto, tamén anunciou que outra das medidas que se van adoptar será a creación dunha oficina con servizos especializados dependente da Oficina Económica de Galicia e en contacto coa antena que ten o Igape en Miami. 

Ademais, a partir de Semana Santa, adiantou, vanse organizar seminarios concretos por cada un dos sectores e empresas máis afectados pola nova política arancelaria para comezar a traballar nas oportunidades que ofrece o Real Decreto Lei aprobado polo Consello de Ministros a semana pasada, que pon á disposición das empresas 14.000 millóns de euros en avais, axudas non reembolsables e tamén o fondo de internacionalización, apuntou. 

Indicou, tamén, que se vai traballar co tecido produtivo na diversificación de mercados e nas medidas posibles en canto á rebaixa ou recualificación de produtos para reducir o impacto dos aranceis. E, na mesma liña, considerou importante relanzar a marca Galicia e tamén campañas que potencien a calidade e a excepcionalidade que teñen os produtos galegos.

A conselleira de Economía e Industria, que cualificou a xuntanza de produtiva e necesaria, avogou por “traballar man a man cos sectores” para que trasladen “empresa a empresa” cales son as súas necesidades. Quixo, así mesmo, lanzar unha mensaxe de “prudencia”. 

“Temos que ir traballando cada día coas noticias que se van plantexando”, dixo, e sinalou: “Debemos sempre tentar negociar e reducir a guerra comercial, non dar por perdida a situación, senón tentar que estes aranceis se vaian desescalando e normalizar as relacións comerciais cos EE.UU”.

  • Nova XORNADA PAÍS dende a ANTENA DA XUNTA DE GALICIA en EMIRATOS ÁRABES UNIDOS | Market Update & Oportunidades de Negocio 2025
    Ler máis
  • A Xunta convoca axudas de case 4 M€ para promover as exportacións e o posicionamento das empresas galegas no mercado internacional
    Ler máis
  • A Xunta impulsa a descarbonización no sector galego da automoción con 14 M€ en axudas
    Ler máis