A Xunta aposta por facer de Galicia un territorio líder en tecnoloxía agroalimentaria

Martes, 10 Xuño 2025 14:55
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura o evento ‘O reto de converter Galicia no líder tecnolóxico do sector agroalimentario’, onde destaca que “innovar non é unha opción, senón a vía cara á competitividade do futuro”
  • Subliña que a aceleradora BFFood, impulsada pola Xunta, exemplifica a aposta pola transformación tecnolóxica do sector con startups que xa operan en mercados internacionais
  • Destaca que a industria agroalimentaria representa o 6,4 % do PIB galego, supera os 100.000 empregos e exporta por valor de máis de 4.000 millóns de euros

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou hoxe a xornada ‘O reto de converter Galicia no líder tecnolóxico do sector agroalimentario’, un evento no que reafirmou o compromiso do Goberno galego coa modernización e o liderado tecnolóxico do sector agroalimentario. Neste sentido, destacou que “Galicia está a construír, con ferramentas reais, un ecosistema produtivo sólido, sostible e con vocación global”.

O evento serviu de espazo de encontro para representantes institucionais, empresas, clústeres e centros de coñecemento, que debateron sobre os desafíos e oportunidades dun sector que achega, como subliñou Toca Carús, arredor do 6,4 % do PIB galego, emprega a máis de 100.000 persoas, especialmente no medio rural, e que acadou en 2024 un volume de exportacións superior aos 4.000 millóns de euros.

A directora do Igape puxo en valor o papel da administración como aliada da transformación produtiva, subliñando que “a nosa misión é acompañar, asesorar, financiar e conectar aos actores clave do ecosistema”. Neste sentido, afondou nas liñas estratéxicas coas que a Xunta está a impulsar a innovación no agroalimentario galego.

Os apoios da Xunta

Neste marco, puxo o foco na promoción do emprendemento innovador, onde está a xogar un papel fundamental a Business Factory Food (BFFood), a aceleradora sectorial promovida en colaboración co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), que permite a integración das novas empresas no ecosistema a través da colaboración con compañías tractoras, centros tecnolóxicos e apoio institucional.

A BFFood, explicou, leva xa cinco edicións impulsando startups que desenvolven solucións en trazabilidade, sostibilidade, dixitalización e intelixencia artificial para o sector.

Así mesmo, a directora destacou a importancia da financiación pública adaptada, onde resaltou o traballo de Xesgalicia, que está a permitir apoiar proxectos de recente creación, iniciativas de base tecnolóxica e procesos de dixitalización e internacionalización, tanto en pemes como en grandes empresas.

Neste marco, Toca Carús destacou que a Xunta aposta por un enfoque integral e coordinado que permite responder aos grandes retos do sector agroalimentario: atraer talento, impulsar a sustentabilidade, superar a fragmentación do tecido empresarial e fomentar a innovación desde as primeiras fases das iniciativas emprendedoras.

“Innovar non é unha opción, senón a vía cara á competitividade do futuro. E nese camiño, o Goberno galego estará sempre ao lado das empresas, como socio estratéxico, comprometido e próximo”, concluíu.

  • Rueda salienta na Toxa o papel clave da diáspora galega como aliada estratéxica para o desenvolvemento económico de Galicia
    Ler máis
  • Poñemos en marcha un proxecto piloto de Interim Management
    Ler máis
  • A Xunta salienta o papel estratéxico da empresa familiar no desenvolvemento económico e social de Galicia
    Ler máis