- A directora do Igape, Covadonga Toca, participa nunha nova xornada do programa Capacita Directivos centrada na economía amarela e a transformación dixital
- Pon en valor a aposta do Goberno galego por impulsar o desenvolvemento de competencias estratéxicas para afrontar os retos das TIC, a intelixencia artificial, o Big Data ou a ciberseguridade
- Destaca que o programa Capacita Directivos ten desenvolvido xa máis dun cento de actividades, superando os 20.000 asistentes e consolidándose como unha ferramenta clave para fortalecer o tecido empresarial galego
A Coruña, 12 de xuño de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá nunha nova xornada do programa Capacita Directivos, centrada na denominada economía amarela: un novo modelo produtivo impulsado polo coñecemento, a innovación e a transformación dixital.
No marco deste foro, organizado en colaboración con Nordés Club Empresarial, Toca Carús reiterou o compromiso da Xunta coa modernización do tecido empresarial a través da formación estratéxica de persoas directivas e a creación dun ecosistema dixital competitivo, seguro e sostible.
Segundo destacou a directora do Igape, “a economía amarela non é unha opción futura, senón o contexto no que xa operan as nosas empresas”. Por iso, subliñou a importancia de xornadas como esta para promover o talento e formar liderados capaces de integrar tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial, o Big Data ou a ciberseguridade na toma de decisións empresariais.
Durante a súa intervención, Toca Carús sinalou que a economía amarela representa “unha transformación estrutural na maneira de crear, distribuír e capturar valor”, onde o activo principal é o coñecemento aplicado e a capacidade de innovación das persoas.
Neste novo paradigma, segundo expuxo, Galicia dispón de elementos clave para consolidarse como referente: talento, pemes dinámicas, clústeres especializados e unha identidade territorial forte. “Temos a oportunidade de incorporar innovación sen perder arraigo, e de xerar crecemento sen renunciar á cohesión territorial”, indicou.
A directora do Igape tamén fixo fincapé na necesidade de superar a dixitalización superficial e apostar por unha integración profunda das tecnoloxías nos procesos de negocio. “A IA, o Big Data ou a ciberseguridade deben formar parte do núcleo estratéxico das empresas, e non ser departamentos illados”, incidiu.
Máis de 100 actividades e 20.000 asistentes
O programa Capacita Directivos leva case unha década contribuíndo á profesionalización das empresas galegas. Con máis de 100 accións formativas desenvoltas e máis de 20.000 asistentes acumulados, a iniciativa consolídase como unha das principais ferramentas da Xunta para fomentar a transformación dixital desde a dirección empresarial.
Por último, Toca Carús salientou tamén o papel da Oficina Económica de Galicia como “punto único de entrada para emprendedores, pemes e investidores”, que xa acompañou máis de 300 proxectos e recibiu máis de 22.600 consultas desde a súa creación hai un ano. “Se queremos que Galicia lidere a transformación dixital, temos que deseñala entre todos”, concluíu a directora do Igape, reforzando a aposta da Xunta por unha economía dixital sostible, segura e baseada nas persoas.