A Xunta achega os servizos do programa Re-acciona ao ecosistema emprendedor da provincia de Pontevedra

Xoves, 24 Xullo 2025 10:26
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participou no evento “Estartapero”, celebrado na praia de Patos (Nigrán), para presentar as oportunidades que ofrece o programa
  • A iniciativa combina lecer e networking para visibilizar o apoio da Xunta ao talento emprendedor e ás empresas emerxentes innovadoras

Nigrán (Pontevedra), 23 de xullo de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta tarde no evento “Estartapero”, unha cita informal e participativa co ecosistema emprendedor da zona sur da provincia de Pontevedra, celebrada na praia de Patos, en Nigrán. O encontro, incluído dentro das accións de difusión do programa Re-acciona, tivo como obxectivo achegar os servizos e oportunidades que a Xunta pon á disposición de persoas emprendedoras e pequenas e medianas empresas galegas.

A través dun formato estival e distendido, a xornada serviu para resolver dúbidas, intercambiar ideas e fomentar sinerxías entre empresas emerxentes innovadoras. Durante o acto, a directora do Igape destacou que o Re-acciona ofrece servizos de profesionalización e innovación cofinanciados ao 80 %, orientados á mellora da competitividade, á captación de talento, á sustentabilidade, á optimización financeira e ao lanzamento de novos produtos e servizos.

O evento contou cunha ampla participación de emprendedores, especialmente da área de Vigo e a comarca, que puideron coñecer de primeira man como acceder ao programa a través das entidades colaboradoras. Re-acciona forma parte das ferramentas do Igape para impulsar o tecido empresarial galego, con especial atención ás pemes con capacidade de transformación e crecemento. O evento representou un paso máis no esforzo da Xunta por fomentar unha nova cultura empresarial baseada na colaboración, a innovación e o talento local.

  • A Xunta salienta o potencial do sector TIC galego e reafirma o compromiso coa innovación, a transformación dixital e o crecemento empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana apela a non deixarse contaminar pola corrente negacionista que quere derrocar a industria en Galicia
    Ler máis
  • Rueda anuncia que a Xunta declara Proxecto Industrial Estratéxico o desenvolvemento inicial do complexo industrial de fabricación de automóbiles SAIC, co fin de crear máis de 2.000 empregos en Ferrol
    Ler máis