Lorenzana remarca a necesidade de xerar confianza ás empresas para axudarlles a crecer e a investir

Xoves, 19 Novembro 2026 18:22
  • Asegura que “cando unha empresa reinviste nun territorio está dicindo algo moi importante: confío”
  • Recoñece que o reto non consiste unicamente en conseguir que nazan novas compañías, ou que sexan máis as que queiran investir na comunidade, senón, tamén, “que as que xa están aquí, poidan seguir crecendo aquí”

A Coruña, 19 de novembro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a necesidade de que a Administración saiba xerarlles confianza ás empresas e crear as condicións para que aposten por investir, crecer e xerar emprego en Galicia.

Así o manifestou esta tarde durante a inauguración do encontro empresarial Agrela: onde as empresas nacen, crecen e o futuro se constrúe, onde asegurou que “cando unha empresa reinviste nun territorio está dicindo algo moi importante: confío”, dixo.

Lorenzana recoñeceu que o reto non consiste unicamente en conseguir que nazan novas empresas, ou que sexan máis as que queiran investir na comunidade, senón, tamén, “que as que xa están aquí, poidan seguir crecendo aquí”. “Que cando unha empresa necesite máis espazo non teña que marcharse ou buscar noutro lugar para atopalo”, abondou.

Neste contexto, fixo referencia ao novo  programa Galicia Industria 360, un novo modelo industrial, dixo, que busca dar resposta aos tres factores que hoxe condicionan a decisión de calquera empresa á hora de instalarse nun territorio ou de ampliar a súa actividade: dispoñibilidade de solo, contar con naves industriais e poder dispoñer de vivenda accesible para as persoas traballadoras.

  • Lorenzana remarca a necesidade de xerar confianza ás empresas para axudarlles a crecer e a investir
    Ler máis
  • Lorenzana reúnese con representantes de Efitransa e Kässbohrer para coñecer o seu novo proxecto industrial de fabricación de vehículos especiais de transporte no Porriño
    Ler máis
  • Lorenzana anima as empresas a non frear ante a incerteza e a seguir innovando e abríndose a novos mercados
    Ler máis