A Xunta destina 2 millóns de euros a facilitar o financiamento para a compra de uva polas adegas galegas

Martes, 05 Agosto 2025 09:11
  • O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria das axudas dirixidas ás adegas acollidas ás Denominacións de Orixe (DO) e Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP), para subvencionar xuros e gastos financeiros da campaña 2025
  • A iniciativa permite paliar o custo dos préstamos para a adquisición de uva e fomenta o acceso ao crédito mediante o aval das sociedades de garantía recíproca
  • O prazo de solicitude abrirase o vindeiro día 12 de agosto e estará dispoñible ata o 16 de decembro, ou ata esgotar o crédito dispoñible

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2025

A Xunta de Galicia, a través do Igape, acaba de convocar unha nova edición das axudas destinadas a facilitar o acceso ao financiamento para a adquisición de uva por parte das adegas galegas acollidas a Denominacións de Orixe (DO) e Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP), no marco da campaña vitivinícola 2025. A convocatoria, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) suma un total de 2 millóns de euros.

O obxectivo da iniciativa é mitigar o impacto do encarecemento do financiamento bancario no sector vitivinícola galego, subvencionando os xuros e comisións asociados aos préstamos destinados á compra da colleita. Así mesmo, o programa promove a participación das sociedades de garantía recíproca (SGR), que poderán avalar o 100 % das operacións, facilitando o acceso ao crédito das adegas beneficiarias, e garantindo unha maior liquidez nun momento clave da campaña.

Estas axudas, que se concederán en réxime de concorrencia non competitiva, están dirixidas a adegas con sede en Galicia que elaboren viños acollidos a denominacións de calidade e que precisen financiamento para afrontar o pagamento da uva adquirida a terceiros. A través desta liña, subvencionaranse os custos financeiros derivados dos préstamos bancarios formalizados entre o 1 de setembro e o 30 de decembro de 2025, así como as comisións cobradas polas entidades financeiras e as SGR.

O prazo para presentar solicitudes abrirase o vindeiro luns 12 de setembro e estenderase ata o 16 de decembro, ou ata esgotarse o crédito dispoñible. As solicitudes deberán tramitarse de forma telemática a través da Oficina Virtual do Igape, empregando o formulario normalizado dispoñible na súa sede electrónica.

Este programa forma parte da estratexia da Xunta para apoiar o tecido produtivo do medio rural, contribuíndo á sustentabilidade financeira das explotacións vitivinícolas e ao mantemento do emprego e a actividade nas zonas vinculadas á produción de viño. En edicións anteriores, esta liña permitiu bonificar operacións de financiamento en máis de 40 adegas, mobilizando máis de 13 millóns de euros en créditos.

Deste xeito, a Xunta reafirma o seu compromiso co sector vitivinícola galego, estratéxico para a economía e a identidade do país, promovendo a elaboración de viños de calidade, con valor engadido e proxección nos mercados nacionais e internacionais.

  • A Xunta salienta en Corvus Belli o potencial da industria creativa galega para competir nos mercados internacionais
    Ler máis
  • Lorenzana asiste en Bergondo á inauguración das novas instalacións de Inusual Comunicación Innovadora
    Ler máis
  • Lorenzana apela a reducir tempos e burocracia na administración porque “os investimentos non esperan”
    Ler máis