Lorenzana lembra que ata o vindeiro 17 de marzo as empresas galegas xa poden solicitar as axudas da Xunta para intelixencia artificial

Martes, 27 Xaneiro 2026 17:37
  • Galigrain foi unha das empresas beneficiarias o pasado ano desta liña de apoios da Xunta, coa que está a implantar un sistema de planificación de almacenamento baseado en intelixencia artificial
  • Esta nova convocatoria conta cun orzamento de 10 M€ e forma parte do paquete de axudas que o Igape publicou de forma anticipada a inicios de ano e que suman en total preto de 181 M€

A Coruña, 27 de xaneiro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apuntou hoxe que ata o vindeiro 17 de marzo as empresas galegas xa poden solicitar as axudas da Xunta para incorporar a intelixencia artificial para a mellora dos seus procesos industriais e a comercialización de novos produtos ou servizos.

Así o destacou nunha visita que realizou está mañá ás instalacións de Galigrain, do Grupo Nogar, acompañada da directora do Instituto Galego de Promoción  Económica (Igape), Covadonga Toca, e do presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández.

Galigrain foi unha das empresas beneficiarias o pasado ano desta liña de apoios da Xunta, coa que está a implantar un sistema de planificación de almacenamento baseado en intelixencia artificial que lle vai reportar importantes aforros nos tempos e nos custos enerxéticos, así como unha mellor optimización dos espazos.

Lorenzana precisou que esta nova convocatoria da liña para intelixencia artificial conta cun orzamento de 10 millóns de euros e forma parte do paquete de apoios que o Igape publicou de forma anticipada a inicios de ano e que suman en total preto de 181 millóns de euros. Ofrece axudas máximas de ata 100.000 e 500.000 euros.

“Cremos que realmente é importante, sobre todo para as pemes, que o teñen máis complicado, que coñezan este programa para que, pouco a pouco, vaian automatizándose e modernizándose”, dixo. “Son apoios clave para que a longo e medio prazo as empresas poidan sobrevivir e ir gañando tamaño”, abondou.

  • A Xunta destaca o papel das infraestruturas colaborativas para reforzar a competitividade industrial de Galicia
    Ler máis
  • O Igape convoca 40 prazas para formación e prácticas en internacionalización empresarial
    Ler máis
  • Rueda destaca que proxectos como o da multinacional SAIC contribúen a construír unha Galicia competitiva e industrial
    Ler máis