A Xunta solicita ao Goberno central unha reunión urxente para abordar coas comunidades autónomas o impacto económico do conflito en Oriente Medio

Martes, 10 Marzo 2026 16:37
  • Así o reclamou hoxe a conselleira de Economía e Industria, logo de que se celebrase esta mañá a reunión da Mesa de Apoio Loxístico á Empresa convocada polo Igape e na que participaron os principais clústeres de Galicia
  • O Igape vai facer unha toma de datos e monitorizar a situación dos sectores

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, solicitou hoxe unha reunión urxente co ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, para abordar coas comunidades autónomas o impacto económico que está a ter o conflito en Oriente Medio e poñer en común problemáticas e posibles apios ás empresas exportadoras.

“Cremos que o ministro debería estar xa convocando ás comunidades autónomas para coñecer de primeira man como están os sectores en cada territorio e, tamén, para propoñer as primeiras medidas”, dixo Lorenzana en declaracións aos medios, onde recoñeceu que, aínda que é cedo para saber a medio prazo cales poden ser as consecuencias, a principal preocupación está na suba dos custos loxísticos que están asumindo as empresas, así como os prezos dos carburantes.

A conselleira fixo estas declaracións logo de que se celebrase esta mañá a reunión da Mesa de Apoio Loxístico á Empresa convocada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e na que participaron representantes dos clústers da automoción (Ceaga), da Función Loxística de Galicia, do sector téxtil (Cointega), da industria metalúrxica (Asime),  do sector alimentario (Clusaga) e o Clúster do Granito.

Segundo explicou, a partir de agora, a Xunta vai facer unha toma de datos durante quince días e vai monitorizar a situación dos distintos sectores para volver convocar outra xuntanza. Mentes, insistiu, é “crucial” que o Goberno se reúna coas comunidades autónomas e expoña cales son as súas propostas, tendo en conta que España “forma parte, conversa e decide no bloque comercial único que é a UE”.

A reunión da Mesa de apoio loxístico

Durante o encontro púxose de manifesto que a situación internacional está a provocar reaxustes nas rutas marítimas, incrementos nos fretes e a aplicación de recargos vinculados ao contexto internacional, factores que están a encarecer o transporte internacional mesmo en rutas afastadas da zona do conflito. Tamén se advertiu dun aumento da conxestión portuaria e da necesidade de reforzar os stocks, ante posibles incumprimentos nos prazos de entrega por parte das navieiras.

Desde o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), advertiuse da preocupación pola volatilidade dos prezos e polo encarecemento da enerxía, mentres que Ceaga, o Clúster da Automoción de Galicia, indicou que polo momento non se detecta un impacto directo na cadea de subministración, aínda que existe incerteza pola evolución do contexto internacional.

Pola súa banda, Cointega, o Clúster Téxtil Moda Galicia, destacou a relevancia de Oriente Medio para o sector e a posibilidade de que o conflito xere sobrecustos loxísticos ou alteracións nas cadeas de aprovisionamento. Así mesmo, Asime e o Clúster do Granito advertiron do impacto do incremento dos custos enerxéticos e das materias primas, así como das posibles repercusións nos proxectos internacionais e nas operacións comerciais na rexión.

Na xuntanza tamén se compartiu información trasladada polo director da antena do Igape en Dubai, que achegou datos directos sobre a evolución da situación económica e empresarial na rexión. A antena do Igape continúa ademais plenamente operativa e realiza un seguimento continuo da actividade empresarial na zona.

  • A Xunta salienta o potencial do sector TIC galego e reafirma o compromiso coa innovación, a transformación dixital e o crecemento empresarial
    Ler máis
  • Lorenzana apela a non deixarse contaminar pola corrente negacionista que quere derrocar a industria en Galicia
    Ler máis
  • Rueda anuncia que a Xunta declara Proxecto Industrial Estratéxico o desenvolvemento inicial do complexo industrial de fabricación de automóbiles SAIC, co fin de crear máis de 2.000 empregos en Ferrol
    Ler máis