Galicia Calidade viaxará ao espazo no primeiro vehículo español de transferencia orbital deseñado pola empresa galega UARX Space

Martes, 07 Abril 2026 15:24
  • UARX Space é única en España, e está entre as cinco de todo o mundo, en fabricar este tipo de sistemas capaces de manobrar no espazo
  • OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration) nas súas siglas en inglés, é un vehículo de transferencia orbital deseñado para transportar satélites pequenos e medianos a diferentes órbitas e facilitar, así, que cheguen ao seu destino final
  • Lorenzana quixo manifestar o “orgullo inmenso” de toda Galicia por este fito que vai conseguir UARX Space, unha empresa “con moitísimas posibilidades de crecemento dentro do momento económico e industrial actual”

Nigrán (Pontevedra), 7 de abril de 2026

A marca Galicia Calidade viaxará ao espazo no primeiro vehículo de transferencia orbital deseñado en España pola empresa galega UARX Space, e que se lanzará nos vindeiros meses desde a base aérea de Vandenberg, en California.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións desta empresa en Porto do Molle, en Nigrán (Pontevedra), que é única en España e está entre as cinco de todo o mundo en fabricar este tipo de sistemas propios capaces de manobrar no espazo.

OSSIE (Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration) nas súas siglas en inglés, é un vehículo de transferencia orbital deseñado para transportar satélites pequenos e medianos a diferentes órbitas e facilitar, así, que cheguen ao seu destino final. Permitirá a inxección de satélites en órbitas terrestres non tradicionais, ao redor da lúa e en traxectorias ao espazo profundo.

Lorenzana quixo manifestar o “orgullo inmenso” de toda Galicia por este fito que vai conseguir UARX Space, unha empresa “con moitísimas posibilidades de crecemento dentro do momento económico e industrial actual”, dixo. “Seguiremos acompañándoa -subliñou-, porque, dentro da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aerospazo é unha das empresas que ten maior potencialidade na comunidade autónoma”, concluíu.

  • Hoxe abre o prazo para solicitar as axudas extraordinarias aprobadas pola Xunta para o sector da automoción, cun orzamento de 45 M€
    Ler máis
  • A Xunta avanza co sector na posta en marcha da Business Factory Energy para impulsar a innovación empresarial en enerxía
    Ler máis
  • Rueda destaca o Grupo Cándido Hermida como un referente do prestixio internacional de Galicia no sector contract
    Ler máis