- A directora do Igape, Covadonga Toca, pon en valor o exemplo dunha empresa que exporta o 90 % das súas vendas e comercializa os seus produtos en máis de 60 países
- Destaca o apoio á innovación e á apertura de novos mercados como eixes da competitividade empresarial
Bueu (Pontevedra), 3 de xuño de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou hoxe en Bueu as instalacións de Corvus Belli, unha das empresas galegas de referencia no ámbito dos xogos de mesa, os wargames e as miniaturas de alta precisión, onde destacou a capacidade do tecido empresarial galego para crear produtos innovadores e competir con éxito nos mercados internacionais.
Durante a visita, Toca Carús puxo en valor a traxectoria dunha compañía que este mes celebra o seu 25 aniversario e que, desde Galicia, conseguiu consolidarse como unha marca recoñecida a nivel mundial, comercializando os seus produtos en máis de 60 países e destinando ao exterior arredor do 90 % das súas vendas.
A directora do Igape subliñou que casos como o de Corvus Belli evidencian o potencial das empresas galegas para desenvolver proxectos de alto valor engadido baseados na creatividade, o talento e a innovación, xerando emprego cualificado e creando marcas propias con proxección global desde Galicia.
Neste sentido, lembrou o apoio prestado polo Igape á compañía a través de distintos programas orientados á internacionalización e á mellora da competitividade, facilitando a súa presenza en feiras internacionais de referencia, accións de promoción exterior e iniciativas para reforzar a protección da innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.
Corvus Belli, fundada en 2001 e con preto de 60 profesionais no seu cadro de persoal, converteuse nun referente internacional grazas ao desenvolvemento de universos propios como Infinity ou Warcrow. A empresa mantén unha firme aposta pola innovación, a dixitalización e o crecemento internacional como piares da súa estratexia de futuro.