- Asegura que Galicia precisa “talento directivo e empresas preparadas para competir nun contorno cada vez máis exixente, máis tecnolóxico e máis cambiante”
- Aposta por “xerar un boca a boca de que en Galicia existe unha Administración sólida, rápida e que acompaña a empresa”
Lalín (Pontevedra), 10 de xuño de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avogou hoxe por promover o talento e o liderado feminino por ser un factor de competitividade e de sustentabilidade económica. “A igualdade non é só unha cuestión de xustiza social, é algo que o empresariado ten que ver como necesario para o crecemento e o fortalecemento da propia empresa”, asegurou.
Na clausura do VIII Foro Empresarial Empresarias Galicia, Lorenzana sinalou que atraer e reter talento feminino e que este se incorpore nas distintas capas da organización ata o liderado “é unha decisión estratéxica”. “Ten que ir máis alá das políticas formais de igualdade”, recoñeceu.
Segundo dixo, no contexto actual, Galicia precisa “talento directivo e empresas preparadas para competir nun contorno cada vez máis exixente, máis tecnolóxico e máis cambiante”. “Agora as economías que resisten son as que producen, as que teñen base tecnolóxica, as que manteñen capacidade industrial propia”, abondou. “A competencia é brutal”.
Así, defendeu que o papel das administracións debe ser o de acompañar. “Non substituír as empresas nas súas decisións, nin impoñer desde un despacho que sectores teñen futuro e cales non. E, desde logo, non converter os trámites en barreiras cando deberían ser solucións”, asegurou.
Nesta liña, indicou que a política económica e industrial da Xunta descansa sobre a enerxía e os recursos naturais; o acceso a solo industrial de xeito áxil, rápido e competitivo dentro da aposta “sen precedentes” que está a facer o Goberno galego; e o acompañamento aos proxectos empresariais a Través da Oficina Económica de Galicia. “Xerar un boca a boca de que en Galicia existe unha Administración sólida, rápida e que acompaña á empresa”, dixo.
No eido da enerxía, Lorenzana quixo poñer de manifesto o seu convencemento de que se van levantar as suspensións dos parques eólicos paralizados, que suman tantos megavatios como os que están actualmente en funcionamento, precisou. E tamén volveu reivindicar unha reforma do sistema eléctrico “na que se invistan todos os recursos en reforzar unha rede de transporte que agora mesmo non está á altura da electrificación da economía e dos consumos”.
Lorenzana estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández López, da directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, da directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, e da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño.