A Xunta promove a transformación dixital das pemes cun orzamento de 3 millóns de euros

Martes, 23 Xuño 2026 18:43
  • A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe as instalacións dunha das empresas beneficiarias na pasada edición
  • O prazo de solicitude destas achegas está aberto ata o 10 de xullo

Ferrol, 23 de xuño de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao director territorial de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitou esta mañá as instalacións do Grupo Tecnológico Artabria no marco da nova convocatoria das axudas para a transformación dixital das pemes. Durante a visita, a representante autonómica puido coñecer os traballos que se realizan na empresa, beneficiaria destas achegas o pasado ano.

Aneiros explicou que esta orde, promovida pola Consellería de Economía e Industria a través Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), contempla diferentes tipoloxías de proxectos, os cales son: interfaces e canles dixitais de relación comercial e operativa con terceiros; dixitalización e automatización de procesos; sistemas de xestión integral; ASG instrumentado por tecnoloxía; mellora da función loxística; e ciberseguridade para a operación dixital da empresa. Precisamente nesta última enmárcase o proxecto desenvolvido por Artabria, que, baixo o nome de Investindo por un futuro seguro, busca implementar solucións de ciberseguridade para a protección de datos e sistemas ante ciberameazas, así como interconectar dispositivos físicos e sistemas virtuais para optimizar procesos e mellorar a toma de decisións.

Tal e como apuntou a delegada, esta convocatoria, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, conta cun orzamento de 3 M€ e mantén aberto o prazo de solicitude ata o 10 de xullo. “Con estas axudas, o Goberno galego busca impulsar a dixitalización do noso tecido empresarial, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente dende as pemes, que representan unha gran parte da nosa economía”, asegurou Aneiros. Na pasada convocatoria, foron seis as empresas do ámbito da Delegación que se beneficiaron destas achegas, recibindo un total conxunto de preto de 74.800 euros.

  • A Xunta promove a transformación dixital das pemes cun orzamento de 3 millóns de euros
    Ler máis
  • Top 101 Spain Up Nation abre a súa terceira convocatoria: as empresas galegas xa poden inscribirse
    Ler máis
  • A Xunta destaca o papel das infraestruturas colaborativas para reforzar a competitividade industrial de Galicia
    Ler máis