- En 2025, estas firmas contribuíron ao PIB autonómico con 40.800 M €, un 130 por cento máis que en 2015
A Coruña, 27 de xuño de 2026.
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que, nos últimos dez anos, as empresas familiares en Galicia duplicaron o seu impacto económico en termos de emprego e contribución ao PIB autonómico.
Lorenzana visitou hoxe as instalacións do novo establecemento que o Grupo Malasa abriu no centro da Coruña, The house by Malasa, onde apuntou que actualmente operan en Galicia máis de 60.5000 empresas familiares, como é o caso.
Explicou que en 2025 estas empresas contribuíron ao PIB autonómico con 40.800 millóns de euros, un 130 por cento máis que en 2015, e xeran máis de 600.000 empregos, un 50 por cento máis que hai dez anos. “Son cifras que amosan o peso real da empresa familiar no conxunto da economía galega, e que fan de Galicia unha comunidade líder a nivel estatal”, dixo.
Grupo Malasa é unha empresa familiar fundada en 1992 e punteira na fabricación e montaxe de mobiliario e de elementos de decoración a medida en madeira, metal e cristal. Xera máis de 1.000 postos de traballo directos, dos cales 800 están en Galicia e, os restantes, na súa planta de México. Ten presenza en máis de 90 países, e Cerceda (A Coruña) é a súa base de operacións para todo mercado europeo e para outros países de África e Asia.
Nas súas tres décadas de vida, leva executado máis de 45.000 proxectos para as principais marcas comerciais (Inditex, Chanel, Tous, Dolce&Gabana, Adidas, etc.) ademais de grandes grupos hoteleiros como Meliá, Barceló ou Hilton. “É unha desas empresas familiares en Galicia que, a base de innovar e de saber dar unha resposta á medida de cada cliente, está chegando moi lonxe”, concluíu Lorenzana.