Hoxe abre o prazo para solicitar as axudas extraordinarias aprobadas pola Xunta para o sector da automoción, cun orzamento de 45 M€

Mércores, 29 Xullo 2026 17:50
  • Buscan apoiar investimentos en electrificación, descarbonización de procesos produtivos e impulsar a transición cara ao vehículo eléctrico
  • Este programa estrutúrase en tres liñas de actuación cun importe de 15 millóns de euros cada unha
  • As axudas, deseñadas tras un proceso de diálogo co clúster, poderán acadar ata un máximo de 10 millóns de euros e as empresas van poder acceder a varias liñas

 

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2026

Desde hoxe, as empresas do sector galego da automoción xa poden solicitar o terceiro paquete de axudas extraordinarias aprobadas pola Xunta de Galicia para apoiar investimentos en electrificación, descarbonización dos procesos produtivos e transición cara ao vehículo eléctrico, cun investimento público de 45 millóns de euros.

O programa, convocado o pasado 21 de xullo no Diario Oficial de Galicia, estrutúrase en tres liñas de actuación cun importe de 15 millóns de euros cada unha. A primeira, para proxectos de desenvolvemento experimental e de innovación en organización e procesos; a segunda, para actuacións en materia de protección do ambiente e descarbonización; e, a terceira, dirixida ás pemes para facilitar a súa adaptación á mobilidade verde, descarbonizada e conectada.

As axudas, deseñadas tras un proceso de diálogo co Clúster da Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), poderán acadar ata un máximo de 10 millóns de euros e as empresas van poder acceder a varias liñas. Todos os proxectos deberán contar cun investimento subvencionable mínimo de 100.000 euros. Ademais, para facilitar a execución das actuacións, prevese un pagamento anticipado do 80 por cento da subvención, que se tramitará de oficio e sen necesidade de constituír garantías.

Poderán alcanzar o 50 por cento nos proxectos de desenvolvemento e innovación e o 32,5 por cento nos investimentos de protección ambiental e descarbonización, en función do tamaño da empresa. No caso das pemes, subvencionarase ata o 50 por cento dos gastos de consultaría asociados aos proxectos de transformación e modernización produtiva.

Esta nova convocatoria enmárcase na estratexia que a Xunta vén desenvolvendo para consolidar Galicia como un dos principais polos da automoción en Europa e acompañar este sector industrial nun momento decisivo marcado pola electrificación e a descarbonización.

Neste contexto, a previsión é chegar a mobilizar máis de 230 millóns de euros a través do Plan director da automoción de Galicia 2025-2027, dotado con 134,1 millóns de euros, e do Programa extraordinario de apoio á descarbonización e á transición ao vehículo eléctrico iniciado en 2024.

  • Hoxe abre o prazo para solicitar as axudas extraordinarias aprobadas pola Xunta para o sector da automoción, cun orzamento de 45 M€
    Ler máis
  • A Xunta avanza co sector na posta en marcha da Business Factory Energy para impulsar a innovación empresarial en enerxía
    Ler máis
  • Rueda destaca o Grupo Cándido Hermida como un referente do prestixio internacional de Galicia no sector contract
    Ler máis