- As resolucións das convocatorias IA360, Igape Innova e Ticket Innova reforzan un modelo integral de apoio á innovación, desde os primeiros proxectos ata a aplicación da intelixencia artificial nas empresas
- As tres liñas abranguen todas as fases do proceso innovador: Ticket Innova facilita o acceso a servizos especializados, Igape Innova impulsa novos produtos, procesos e servizos, e IA360 acelera o desenvolvemento e a implantación da intelixencia artificial nas empresas
- A elevada execución orzamentaria confirma o crecente compromiso das empresas galegas coa innovación como ferramenta para mellorar a produtividade, incrementar o valor engadido e reforzar a súa competitividade
- Estas convocatorias enmárcanse nos principais eixos da nova Estratexia Galega de Innovación 2026-2028 coa que a Xunta reforzará o apoio público á innovación empresarial
Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2026
A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, vén de resolver as convocatorias dos programas IA360, Igape Innova e Ticket Innova, que permitirán conceder preto de 15 millóns de euros (14,79M€) en axudas directas á innovación empresarial a máis de 500 empresas da comunidade (539).
No seu conxunto, estas tres liñas configuran unha oferta integral de apoio á innovación das empresas galegas, acompañándoas desde as primeiras fases de definición dos proxectos ata o desenvolvemento de novos produtos, procesos e servizos e a incorporación de tecnoloxías emerxentes como a intelixencia artificial.
As convocatorias enmárcanse na Estratexia Galega de Innovación 2026-2028, que reforzará a innovación como un dos piares da política industrial da Xunta para impulsar a produtividade, a competitividade e o crecemento económico. A elevada execución do orzamento confirma, ademais, o crecente compromiso das empresas galegas coa innovación e a transformación tecnolóxica.
Un apoio adaptado a todas as fases da innovación
Os tres programas responden a necesidades diferentes das empresas e conforman un itinerario completo de apoio á innovación.
Ticket Innova facilita ás pemes o acceso a servizos especializados de innovación, como estudos de viabilidade tecnolóxica, vixilancia tecnolóxica, deseño industrial, protección da propiedade industrial, transformación dixital, intelixencia artificial ou ciberseguridade, entre outros. Nesta convocatoria concedéronse 66 axudas, por importe de 1 millón de euros.
Igape Innova apoia proxectos orientados ao desenvolvemento de novos produtos, procesos e servizos, á incorporación de novas tecnoloxías e á mellora da competitividade empresarial. Nesta convocatoria concedéronse axudas por importe de 3,97 millóns de euros, que beneficiarán a 40 proxectos.
Pola súa banda, IA360 impulsa a incorporación da intelixencia artificial nas empresas, tanto mediante o desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas como a través da implantación de ferramentas xa dispoñibles no mercado. Nesta convocatoria apoiaranse 97 proxectos, cun investimento público de 10 millóns de euros, distribuídos entre 43 proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e 54 de implantación de solucións de IA. A redistribución do crédito permitiu incrementar o número de proxectos financiados na modalidade de desenvolvemento tecnolóxico.
Innovación para gañar competitividade
Con estas convocatorias, o Igape consolida unha oferta de instrumentos que acompaña ás empresas ao longo de todo o proceso innovador, desde a definición das súas estratexias ata o desenvolvemento tecnolóxico e a implantación de solucións avanzadas.
Esta aposta está enmarcada na Estratexia Galega de Innovación 2026-2028, que reforzará a coordinación das políticas públicas de innovación e a colaboración entre empresas, universidades e centros tecnolóxicos para consolidar un tecido empresarial máis innovador, competitivo e xerador de valor.