Rueda reafirma o apoio da Xunta ás empresas familiares por ser motor económico e atraer talento á comunidade

Martes, 22 Setembro 2026 15:36
  • Destaca a importancia de medrar e competir a nivel internacional “sen perder as raíces e a base”
  • Salienta que Galicia conta coas condicións e o talento necesarios para competir ao máis alto nivel global, servindo ademais como un polo de atracción para profesionais doutros lugares do mundo
  • Subliña a calidade e o deseño arquitectónico das novas instalacións de Bandalux que exemplifican a modernidade, a innovación e o confort do sector galego do contract

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na inauguración oficial do novo edificio corporativo de Bandalux no polígono da Sionlla, en Santiago de Compostela. Durante o acto, no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o presidente destacou o papel clave que xoga a empresa familiar na economía galega como eixo do tecido produtivo e principal xeradora de riqueza e emprego de calidade na comunidade.

“Hai empresas familiares moi potentes en toda España e noutros lugares, pero aquí en Galicia especialmente, que foron quen de crecer e ir cos tempos, pero sen perder as raíces e a base, e agora están traballando en moitísimos sitios, polo que comprometo o apoio da Xunta de Galicia para que sigan medrando dende as súas orixes”, indicou.

Así, o titular do Executivo autonómico felicitou á familia García e a todo o equipo de Bandalux pola celebración dos seus 40 anos de traxectoria e pola súa aposta decidida por instalar a súa nova sede na capital galega. Neste sentido, puxo especial énfase en que empresas como esta demostran que en Galicia hai talento suficiente para liderar mercados internacionais e competir ao máis alto nivel.

“Hai moitísimas razóns para que a xente que ten talento poida seguir traballando aquí e tamén para que profesionais doutros lugares do mundo atopen motivos para vir desenvolverse profesional e persoalmente en Galicia”, sinalou. Nese sentido, reafirmou a responsabilidade das administracións de crear as condicións axeitadas, dar facilidades, eliminar trabas e acompañar ás empresas no seu crecemento.

Así mesmo, puxo en valor que os produtos de Bandalux contan co selo Galicia Calidade e son un expoñente do prestixio do sector do contract galego a nivel internacional.

Un edificio referente en arquitectura e confort

Durante a visita ás instalacións, o titular da Xunta felicitou ao arquitecto Mauro Lomba e a todo o equipo polo deseño do novo inmoble, ao que definiu como un exemplo de arquitectura ambiciosa, moderna e sostible que combina á perfección “continente e contido”. Do mesmo xeito, remarcou a importancia de crear espazos de traballo acolledores que regulen a iluminación, a temperatura e o confort.

O presidente concluíu garantindo que a Xunta seguirá sendo o mellor aliado de quen arrisca, inviste e crea riqueza na comunidade: “Se a estas grandes empresas consolidadas lles vai ben e seguen cos pés na terra, na súa terra, iso quere dicir que a Galicia lle vai ben”, asegurou.

  • A Xunta impulsa novas oportunidades para as empresas galegas en Emiratos Árabes Unidos, onde as exportacións medraron un 6.6% en 2025
    Ler máis
  • Rueda destaca o apoio da Xunta ao tecido produtivo garantindo un marco de estabilidade e medidas para mellorar a súa competitividade
    Ler máis
  • Galicia mantén en 2026 a tendencia positiva das súas exportacións, cun incremento interanual do 0,9 % ata xullo
    Ler máis