- A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugura a Xornada da Industria no marco da Maker Faire Galicia 2026, onde pon en valor a capacidade do encontro para conectar talento, coñecemento e empresa
- Subliña a importancia de transformar as ideas e o coñecemento en solucións concretas que permitan ás empresas innovar, medrar e competir
- Gaba o talento galego que desenvolve a súa actividade dentro e fóra da Comunidade, contribuíndo á proxección do ecosistema innovador e á creación de novas oportunidades
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, inaugurou hoxe a Xornada da Industria da Maker Faire Galicia 2026, onde destacou o talento, o coñecemento e a innovación aplicada como elementos clave para reforzar a competitividade do tecido empresarial galego. Durante a súa intervención na Casa das Máquinas de Santiago, puxo en valor a capacidade deste encontro para conectar investigadores, emprendedores, profesionais e empresas, favorecendo novas oportunidades de colaboración.
Neste sentido, salientou a traxectoria dunha iniciativa que suma xa máis de 100.000 asistentes, participantes de máis de 15 países, 1.550 makers e 600 proxectos, contribuíndo a dar visibilidade ao talento e ás novas ideas. Destacou especialmente a presenza de profesionais galegos que desenvolven a súa actividade dentro e fóra de Galicia, mantendo a súa vinculación coa Comunidade e contribuíndo á proxección do ecosistema innovador galego.
A xornada aborda ámbitos como a intelixencia artificial, a biotecnoloxía, a neurotecnoloxía ou a computación cuántica, ademais de dar visibilidade a novas iniciativas a través do tradicional pitch de proxectos.
Innovación ao servizo das empresas
Neste contexto, Toca Carús subliñou que a Xunta traballa para facilitar que o coñecemento se transforme en innovación aplicada e chegue ás empresas en forma de solucións que melloren a súa competitividade.
Finalmente, lembrou que a innovación debe estar ao alcance de empresas de todos os tamaños e sectores, reafirmando o compromiso do Igape de acompañalas para converter ideas e coñecemento en proxectos capaces de xerar actividade e novas oportunidades.