- A directora do Igape, Covadonga Toca, visita un dos principais portos de China, acompañada por empresas galegas con intereses comerciais no mercado asiático
- A xornada incluíu tamén un percorrido pola área industrial e tecnolóxica de Binhai, que concentra importantes empresas dos sectores da automoción, o aeroespacial, a biotecnoloxía e a saúde
Tianjin (China), 24 de outubro de 2026
A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou o porto de Tianjin, un dos principais centros portuarios e loxísticos de China, acompañada por representantes das empresas galegas Citic Censa, Pérez Torres e Kaleido, con intereses comerciais no mercado chinés. A visita enmarcouse na axenda institucional e empresarial desenvolvida pola Xunta de Galicia no país asiático para identificar novas oportunidades de negocio e reforzar as relacións económicas entre ambos os territorios.
A visita desenvolveuse no marco do evento «2026 Multinational Enterprises Visit to Tianjin», organizado por CITIC Group, que reuniu representantes institucionais e empresariais internacionais co obxectivo de dar a coñecer as capacidades industriais, tecnolóxicas e loxísticas de Tianjin e explorar novas oportunidades de colaboración e investimento.
A visita desenvolveuse no marco do evento «2026 Multinational Enterprises Visit to Tianjin», organizado por CITIC Group, que reuniu representantes institucionais e empresariais internacionais co obxectivo de dar a coñecer as capacidades industriais, tecnolóxicas e loxísticas de Tianjin e explorar novas oportunidades de colaboración e investimento.
Durante o percorrido, a delegación puido coñecer as instalacións e os plans de desenvolvemento do porto de Tianjin, situado entre os cinco primeiros de China en tráfico de contedores e cun papel estratéxico nas conexións comerciais e loxísticas do norte do país, especialmente na área de Beijing.
A participación das empresas galegas permitiu coñecer de primeira man as capacidades loxísticas da zona e explorar posibles oportunidades de colaboración, tendo en conta os seus intereses comerciais nun mercado de gran relevancia internacional.
A xornada incluíu tamén unha visita á Binhai New Area, unha das principais áreas de desenvolvemento industrial e tecnolóxico de Tianjin, que concentra unha importante actividade empresarial en sectores como a automoción, a industria aeroespacial, a biotecnoloxía, a saúde e as novas tecnoloxías. Neste espazo teñen presenza grandes compañías internacionais, xunto cunha ampla rede de empresas industriais e de compoñentes.
Neste contexto, Toca Carús destacou a importancia de acompañar as empresas galegas nos mercados internacionais, facilitar o coñecemento directo de novos contornos empresariais e favorecer contactos que poidan traducirse en oportunidades de negocio. Así mesmo, puxo en valor as capacidades industriais e tecnolóxicas de Galicia e as posibilidades de establecer novas relacións de colaboración en sectores de interese común.
Finalmente, a directora lembrou o traballo que desenvolve o Igape para apoiar a internacionalización do tecido empresarial galego, a través de iniciativas comerciais e institucionais e da súa rede de Antenas no exterior. Neste sentido, destacou o papel da Antena do Igape en China, que facilita contactos, identifica oportunidades e acompaña as empresas galegas na súa actividade neste mercado.