- As subvencións oscilan entre os 10.000 e os 20.000 euros e cobren o cen por cento
- Trátase dunha liña de apoios que se puxo en marcha por primeira vez o pasado ano para impulsar iniciativas empresariais emerxentes de carácter innovador e tecnolóxico
- En Galicia hai actualmente 311 startups, que xeran 2.662 empregos e suman unha facturación conxunta de máis de 241,2 M€
- A rede de aceleradoras da Xunta vai contar cun investimento de 7 M€ e vaise ampliar con tres novas no eido da saúde e o benestar, a industria do deporte e as enerxías renovables
Santiago de Compostela, 6 de xaneiro de 2025
A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), convocará a mediados deste mes a liña de axudas específica para startups que, por segundo ano, volverá contar cun orzamento de 1,5 M€.
Trátase dunha liña de apoios que se puxo en marcha por primeira vez o pasado ano para impulsar iniciativas empresariais emerxentes de carácter innovador e tecnolóxico. As axudas, por concorrencia non competitiva, oscilan entre os 10.000 e os 20.000 euros e cobren o cen por cento dos gastos ou investimentos necesarios durante a fase de lanzamento ou consolidación do proxecto.
Segundo o informe nacional anual “Empresas Tech e Innovadoras”, en Galicia hai actualmente 311 startups, que xeran 2.662 empregos e suman unha facturación conxunta de máis de 241,2 M€. Concéntranse, na súa maioría, nas cidades de Vigo (54), A Coruña (49), Santiago de Compostela (38), Lugo (23), Nigrán (22), Pontevedra (19) e Oleiros (A Coruña) (12). Por sectores, a maior parte delas pertencen aos ámbitos biotecnolóxico, agroalimentario, ao da saúde, a analítica software, o turismo, o comercio en liña ou enerxía, entre outros.
Xunto coa liña de axudas que se vai convocar proximamente, as startups galegas teñen á súa disposición a rede de aceleradoras da Xunta que coordina o Igape. Dela forman parte a BFAuto, especializada no sector da automoción; a BFAero, no aeroespacial; a BFFood, no sector da alimentación; Climatech, no eido ambiental; VíaGalicia, que abrangue o ámbito das TIC, o sector agroalimentario ou o téxtil, en colaboración co Consorcio da Zona Franca (Vigo e Lugo); e outras iniciativas como a BFMedicines, Agrobiotech, Bioincubatech, Galicia Avanza ou Turislab.
Este ano, esta rede vai contar cun investimento de 7 M€ e vaise ampliar coa posta en marcha tres novas aceleradoras no eido da saúde e o benestar, a industria do deporte e as enerxías renovables, o cal converte Galicia nun ecosistema singular de emprendemento innovador.
O conxunto de aceleradoras con participación da Xunta, leva apoiado máis de 830 proxectos innovadores, dos cales 270 recibiron financiamento para a creación de novas empresas ou para a posta en marcha de proxectos en empresas xa existentes. E, ademais, contribuíu á promoción e impulso de 1.400 postos de traballo cualificados directos.
A través do Igape, a Xunta quere dar maior pulo ao emprendemento innovador, que tamén conta cos servizos da Oficina Económica de Galicia.