- A conselleira subliña que a convocatoria de apoios se publicará mañá no DOG e anima a presentar a súa solicitude a todos os empresarios que precisen facer unha reforma no ámbito da eficiencia enerxética
- Como novidade, amplíase o prazo de presentación de solicitudes que pasa de dous a oito meses e incorpora a posibilidade de subvencionar instalacións novas
- Lorenzana pon en valor o proxecto que contou con apoios da Xunta e subliña que “para nós é moi importante ver que as axudas están chegando aos empresarios”
Vigo, 8 de xaneiro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe unha nova convocatoria de axudas por importe de 7,5 millóns de euros para promover o aforro de enerxía e que “permitirá reducir 4,5 millóns na factura eléctrica das empresas galegas e das persoas autónomas”, subliñou.
Segundo avanzou, a convocatoria de apoios que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que se poderán solicitar a partir do venres da vindeira semana, “apoiará proxectos conxuntos que melloren a eficiencia nas edificacións” polo que animou a todos os empresarios e autónomos que precisen calquera tipo de reforma no ámbito da eficiencia enerxética “a que presenten a súa solicitude”.
Esta convocatoria ten como novidade que se amplía o prazo de presentación de solicitudes de dous a oito meses e que incorpora a posibilidade de subvencionar instalacións novas e aquelas actuacións que promovan un Certificado de Aforro Enerxético. O Goberno galego, vén convocando desde hai 11 anos esta liña de axudas, cun orzamento de case 56 millóns de euros e 1.640 proxectos aprobados.
Apoio da Xunta
Durante a visita ao Atendo Senior Living, a titular de Economía e Industria, puxo en valor o carácter innovador e interxeneracional deste proxecto “que presta unha atención diferente aos nosos maiores cunha nova fórmula e un novo modelo de coidados”, sinalou.
Neste marco, explicou que a Xunta participou na rehabilitación integral do edificio para a posta en marcha deste novo centro cunha subvención de algo máis de 105.000 euros. “Para nós é moi importante ver que as axudas do Inega está chegando aos nosos empresarios”, destacou.
As axudas permitiron, entre outras cousas, instalar unha caldeira de aerotermia, un sistema de ventilación mecánica, iluminación led, fachada con cámara e fiestras de aluminio ou ascensores hidráulicos.