A Xunta destaca a “convocatoria histórica” de 172,6 M€ para promover a competitividade, a innovación e o financiamento para pemes e autónomos

Martes, 14 Xaneiro 2025 18:08
  • A directora do Igape, Covadonga Toca, participa no II Foro Innovación Empresarial, levado a cabo no marco do programa Conecta Lugo, onde subliña que no que levamos de semana activáronse “15 liñas de apoio” para facilitar a planificación e as novas iniciativas de pemes e autónomos
  • Destaca que hoxe mesmo o Diario Oficial de Galicia publica dúas destas liñas de axuda - IA 360 e Igape Innova-, novidosos programas encamiñados a incrementar o potencial de innovación das empresas galegas mediante a intelixencia artificial e o deseño de produtos e servizos
  • Subliña que esta aposta se complementa coa área de innovación do Igape, que contribúe ao deseño e xestión de iniciativas innovadoras en sectores estratéxicos, fomentando a modernización das pemes e potenciando a transferencia de coñecemento

Chantada (Lugo), 14 de xaneiro de 2025

A  directora do Igape, Covadonga Toca, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe no II Foro Innovación Empresarial, celebrado no Auditorio Municipal de Chantada no marco do programa Conecta Lugo -iniciativa da Xunta en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo-, que busca reforzar o tecido empresarial da provincia mediante o apoio e asesoramento continuado.

Durante a súa intervención, Toca destacou que esta semana publicáronse 15 liñas de axudas que suman máis de 172 millóns de euros, unha “cifra histórica” destinada a mellorar a competitividade, a innovación e o financiamento de pemes e autónomos galegos.

Estas axudas, agrupadas en tres grandes bloques – financiamento, competitividade e innovación –, buscan dotar ás empresas dos “recursos necesarios para afrontar os retos globais e liderar a transición cara a un futuro máis sustentable e tecnolóxico”.

Neste contexto, a directora subliñou a importancia dos novos programas IA 360 e Igape Innova, publicados hoxe mesmo no Diario Oficial de Galicia (DOG), que constitúen unha aposta decidida pola modernización e transformación dixital do tecido empresarial galego.

Así, o programa IA 360 está deseñado especificamente para fomentar a adopción da intelixencia artificial nas empresas. Cun orzamento de 10,2 millóns de euros ofrece financiamento para tres áreas clave: para iniciativas de desenvolvemento tecnolóxico baseadas en IA, para a implantación de solucións comerciais que integren intelixencia artificial nos seus procesos, e para a formación do persoal das empresas co obxectivo de garantir unha adaptación efectiva ás novas tecnoloxías.

Pola súa banda, o programa Igape Innova, cunha dotación de 4 millóns de euros, céntrase no impulso da modernización dos procesos empresariais e o desenvolvemento de novos produtos e servizos. A liña, explicou Toca Carús, dá prioridade ao deseño sustentable e á transformación dixital, aspectos clave para que as pemes galegas poidan competir nun mercado global cada vez máis esixente.

Ambos programas compleméntase, no ámbito da innovación, co Ticket Innova, publicado onte no DOG e que facilita o acceso a servizos de certificación, deseño industrial e tecnoloxías emerxentes ás empresas que están a comezar o seu camiño na innovación.

Neste marco, a directora destacou tamén a creación da área de innovación empresarial no Igape, que potencia a colaboración entre centros tecnolóxicos, universidades e empresas, garantindo que o coñecemento xerado se converta en solucións aplicables ao mercado. Segundo Toca Carús, “a innovación é a chave para liderar os mercados e transformar os retos globais en oportunidades”.

O II Foro Innovación Empresarial contou coa participación de expertos como Xavier Marcet, que abordaron o papel do talento e a innovación na transformación territorial, consolidándose como un espazo clave para impulsar o futuro do tecido empresarial galego.

  • A Xunta reafirma o seu compromiso co impulso do emprendemento feminino no sector tecnolóxico
    Ler máis
  • Lorenzana anuncia que a Xunta convocará este ano tres novas liñas de axuda para proxectos de descarbonización industrial e enerxías renovables
    Ler máis
  • A Xunta avalía co Clúster do Deporte vías para impulsar e fortalecer a competitividade e innovación das súas empresas
    Ler máis